Suspéndese hoxe o operativo de procura do veciño de Saídres á espera da aparición dalgún novo indicio sobre o seu paradoiro

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

miguel souto

Unha patrulla da Garda Civil porase a disposición da familia para prestarlle servizo

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A Garda Civil suspendeu a partir de hoxe o operativo como tal de procura do veciño de Saídres que falta da súa casa desde o xoves á espera da aparición de novas pistas ou dalgún indicio sobre o seu paradoiro. No momento no que aparecese algo se reactivaría o operativo de procura.

Foron seis días de rastreo pola zona que contaron coa intervención de cans de rastreo, drones, o helicóptero da Garda Civil, veciños e efectivos de . Onte, tres rozadoras do Concello de Silleda puxéronse a disposición da Garda Civil que dirixe o operativo para limpar de maleza algunhas zonas a fin de mellorar a visibilidade.

Hoxe pola mañá unha patrulla do posto de Silleda achegarase de novo ata o domicilio do desaparecido para pórse a disposición da familia. Onte a Garda Civil contou con máis dunha vintena de axentes procedentes de diferentes postos da zona. A eles sumáronse un día máis todos os axentes da Policía Local de Silleda dispoñibles, dous policías de Lalín, efectivos do Seprona, tres patrullas do distrito forestal e persoal do GES de Lalín.

Onte a procura incluíu zonas das parroquias de Laro e Oleiros.

A última pista de Julio Fernández pérdese nunha zona de Martixe próxima ao seu domicilio, que foi onde máis se centrou a procura. Durante os últimos días os rastreos levaron a cabo practicamente por todo o territorio do municipio de Silleda e por parte do de Vila de Cruces.

Despois duns días de choiva, onte o tempo deu unha tregua e axudou a facilitar tamén os labores dos equipos realizados pola Garda Civil cos participantes que se deron cita tanto á primeira hora da mañá como pola tarde no campo de fútbol de Saídres para iniciar unha nova xornada de procura. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, destacaba onte as dificultades dada a extensión do territorio coa existencia de multitude de zonas de maleza, barrancos ou ríos.