De mecánico en Silleda a cantante

SILLEDA

miguel souto

16 oct 2018 . Actualizado ás 13:53 h.

Manuel Calviño Pereira naceu en Piloño (Vila de Cruces). Mecánico de profesión, desde fai quince anos rexenta un taller na Bandeira no que tamén traballa o seu fillo, pero desde sempre a súa afección secreta foi a música. Secreta, porque confesa que en toda a súa vida moi poucos o oíron, «só a miña avoa me escoitou un pouquiño», o seu fillo algunha vez que tarareó no taller e «uns amigos nun bar que unha noite arrancouse algún a cantar, eu empecei para acompañar e acabaron deixándome cantar só unha de Molina». Os seus amigos, que non sabían dese don escondido, gravárono co móbil. A gravación, conta Calviño, foi pasando de man en man «e chegou a oídos dun que traballa na tele de cámara» e que o animou a presentarse a un cásting.

Fíxoo e a TVG seleccionouno para participar no concurso de Recanteiros. O seu bautismo no escenario será este venres no Luar.

Calviño, que di que canta, «por dúas mulleres», agarda a cita con ilusión, pero tamén «con moitos nervios». Gústalle, di, todo tipo de música pero especialmente a copla, os pasodobres, a música galega e as cancións de Juan Pardo ou Julio Iglesias, e as rancheiras. O venres terá que cantar a que lle asignaron e que, comenta, «non é do meu estilo, pero vaia». Está ensaiando estes días todo que pode «porque co traballo non é fácil».

Os seus compañeiros son xente de orquestras «que saben música e eu non sei nada, o meu é a chave inglesa». Pase o que pase ese día cumprirá o soño da súa vida, que era «cantar nun escenario cunha orquestra». Unha actuación que «penso que ao ser un concurso non vou poder, pero o meu sentimento estará cos meu pais e a actuación dedícolla a eles».

Servirá tamén «para sacarme unha espiña que tiña de sempre» e ademais, destaca, «é unha experiencia bonita da que saes con moitos amigos». O que máis nervioso lle pon é o momento «no que colla o micrófono diante das 200 persoas do público e pensando nas miles que me van ver pola televisión».

Desde que anunciou a súa participación «a xente está moi sorprendida e todo o mundo me di que non sabía que cantaba». Aos veciños pídelles o seu apoio esa noite porque, lembra que «os decisivos e os que poden cambiar a balanza son os votos da xente». No estudio acompañaranlle 30 familiares e amigos.