Un centenar de establecementos participan na Volta ao Cole que organiza a AED

La Voz

SILLEDA

16 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A volta ao cole vén este ano con premio. A Asociación de Empresarios de Deza (AED) xunto co Centro Comercial Aberto (CCA) puxeron en marcha unha campaña á que poderán concorrer todos aqueles que compren nos comercios participantes. A esta iniciativa que terá lugar entre o vindeiro sábado día 18 e o 30 de setembro sumáronse un total de 98 establecementos. En Lalín haberá 94 deles, Rodeiro contará con dous e tanto Agolada como Silleda cun.

Por cada compra que un cliente realice nun dos locais participantes, entregaráselle unha rifa para entrar no sorteo dunha fin de semana para toda a familia ?dous adultos e dous nenos? no parque de atraccións Warner de Madrid, incluíndo os desprazamentos en tren, dúas noites de hotel e dous días de acceso ao parque co seguro de asistencia incluído.

O sorteo non será presencial, senón que os técnicos da AED recollerán a primeira semana de outubro en cada comercio as matrices das rifas. O luns día 8 dese mes terá lugar o sorteo na sede da organización. O nome do gañador farase público a través das redes sociais de AED e de CCA, o cal disporá de prazo ata o 30 de outubro para reclamar o premio. Con esta iniciativa as asociacións organizadoras pretenden incentivar a actividade no comercio local durante o período estival coincidindo co novo curso escolar.