Silleda suma unhas 300 hectáreas calcinadas ás 174 xa queimadas

Rocío Perez Ramos
rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

cedida

O Concello sumouse aos tres días de loito decretados pola Xunta

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

En Silleda quedan aínda algúns rescaldos e a ferida deixada polo lume segue aberta. Calcúlase que neste segundo incendio en Siador, continuación do que hai uns días iniciábase en Refoxos calcinando máis de 174 hectáreas, arderon unhas 300 hectáreas máis, a falta dunha medición máis detallada. En total unha conta de preto de medio milleiro de hectáreas de monte que cambiaron o verde polo negro de morte e desolación. Medio Rural cifraba en 250 as primeiras estimacións do de Siador, que afectou tamén a Cortegada. Son 50 de arboledo e 200 de monte raso. Ás 11.50 horas deuse por estabilizado e horas máis tarde por controlado.

Onte os servizos de extinción seguían aínda a pé de campo, percorrendo a zona e regando cos ollos mirando ao ceo agardando que a choiva axudase a acabar de extinguir un lume que se deu por estabilizado, pero aínda con zonas quentes. Percorrendo a zona podíanse ver aínda rescaldos en forma de pequenas fogueiras que salpicaban algunhas zonas queimadas e outras fumarentas. Nos traballos dunha longa noite na que se viviron momentos de pánico e de moita tensión estiveron catro axentes, nove brigadas, dez motobombas e unha pa do servizo contra incendios do distrito forestal. O Concello enviou a súa única motobomba. Aos traballos sumouse o persoal municipal de Obras, a Policía Local e ex voluntarios de Protección Civil e Bombeiros que se uniron a veciños nunha loita que durou ata altas horas da madrugada. O Concello de Silleda sumouse aos tres días de loito decretados pola Xunta.

Non foi o único incendio na zona. En Agolada rexistráronse dous. Un en Berredo, que empezou ao redor de medianoite e quedou apagado de madrugada. A este sumouse outro en Borraxeiros que empezou ás 4.39 horas e quedou controlado ás 12.40 horas de onte. Participaron na extinción tres axentes, tres brigadas e tres motobombas, aos que se sumou en ambos os lumes a colaboración dos veciños e os operarios municipais.

En Lalín, o lume empezou ás 22.46 horas do domingo en Gresande e quedou controlado ás 7.00 horas de onte. Arderon cinco hectáreas de arboledo e cinco hectáreas de monte raso. Os traballos de extinción contaron con tres axentes,m dúas brigadas e dúas motobombas.

En Rodeiro arderon unhas cinco hectáreas de monte na parroquia de Arnego nun incendio que se iniciou ás 22.00 horas do domingo.

O lume en Millerada puxo en perigo o Candán

Forcarei tampouco se librou do lume. Ás 18.21 horas do domingo comezou un en Millerada e quedou controlado ás 5.10 horas. O incendio chegou a pór en perigo o Candán. Arderon dez hectáreas de monte raso e desprazáronse catro axentes, tres brigadas e tres motobombas. Houbo outro en Castrelos. Empezou ás 22.08 horas do domingo e quedou extinguido ás 2.02 horas da madrugada de onte. Estivo un axente e unha motobomba. Quedou nun conato e arderon 0.4 hectáreas de monte raso.

Casas desaloxadas e unha granxa queimada en Siador

En Silleda, ao redor das 22.00 horas do domingo, foi necesario evacuar dúas vivendas en Barcia, dúas en Penadragra e varios no núcleos de Siador, ás que os veciños puideron volver de madrugada. En Framiñán (Cortegada) estivo a piques de levar a cabo o desaloxo de veciños, pero finalmente púidose controlar o lume. Ardeu unha granxa con entre oito e nove mil galiñas poñedeiras de ovos ecolóxicos da empresa Avega, con sede en Agolada. Oito granxas de porcos aos que cercou practicamente o lume salváronse. Nunhas, no alto de Siador, estaban 2.500 porcos de cebo e 40 cabras encargadas de limpar a leira, e nas outras 8.500 lechones de precebo. Ás 22.00 horas de onte comezaba a chover na zona con moita intensidade, o que axudaría a apagar definitivamente os incendios, aínda que tamén se temía o efecto que a forza da auga puidese ter en arrástrelos de terra e cinza.