As tapas das Carpinteiras e Achacán, elixidas por público e xurado en Rodeiro

R. R. LALÍN / LA VOZ

RODEIRO

Miguel souto

27 may 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A Piruletiña das Carpinteiras foi a máis votada polo público nesta nova edición do Rodeiro de Tapas. O segundo posto foi para os Cacheirito's de Casa Sánchez e o terceiro para o Taco Recanto Wey! do bar O Recanto. No cuarto posto quedou o Bruch Cambote de Casa Achacán. O Cachopito da Latiza obtivo o quinto posto e o Voando vou da parrillada Maranteiro, o sexto.

En canto aos premios outorgados polo xurado profesional, o primeiro premio foi para Casa Achacán con Brunch Cambote, o segundo para Casa Sánchez con Cacheirito's e o terceiro para o Recuncallo do Bruxas e Curuxas. En cuarto posto quedou a proposta de Cabalos do Faro cunha tapa bautizada como Cunca Quente. Ou noso pastrami do pub Quirós obtivo a quinta posición e o sexto posto a Piruletiña das Carpinteiras, que, en cambio, foi a máis valorada polo publico.

A entrega de diplomas e premios celebrouse onte no salón de plenos de Rodeiro. Nesta última edición, os organizadores cifraron en preto de 8.000 o número de tapas servidas durante as dúas fins de semana que se celebrou o certame. Foron, en concreto, 7.900, resultantes da suma dos datos facilitados por cada un dos locais participantes. Destacouse onte tamén o impacto nas redes con máis de tres millóns de impactos globais en Twitter. Unhas dous mil presentas compartiron contido nalgún momento en Facebook. Cifraron en 5.000 persoas o alcance en cada publicación de Instagram, tanto en redes propias, como nas redes do xurado ou de patrocinadores destacando a importante incidencia das publicacións dos membros do xurado profesional. Esta edición contou, a tenor das papeletas entregadas pola clientela, con visitantes de Lalín, Silleda, Melide, Antas, Agolada, A Estrada, Taboada e Chantada pero tamén das sete cidades galegas e tras papeletas de Córdoba, Burgos, Barcelona Asturias. Onte sorteáronse tamén premios entre os participantes.