Descanso antes da batalla polo bastón

Javier Benito
j. benito LALÍN, A Estrada / LA VOZ

LALÍN

Cedida

De xogar ou pasear aos seus cans a correr ou compartir unha cervexa, o sábado dos candidatos

28 may 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Din que o can é o mellor amigo do home. E talvez os candidatos tiveron un pouco esquecidas ás súas mascotas durante a intensa campaña electoral. Por iso varios aproveitaron a xornada de reflexión, de descanso previo á batalla final polo bastón de mando, para rebuldar ou pasear cos seus canes. Seguro que tampouco faltou compartir tempo coa familia e amigos, con algún sábado especial como o vivido pola candidata de Móvete. A continuación repasamos o día dos oito aspirantes nas dúas cabeceiras comarcais, catro en Lalín e outros tantos na Estrada.

José Crespo, cabeza de lista do PP en Lalín, tivo tempo para departir tomando unhas cañas con familiares, amigos e outros compañeiros de candidatura. Houbo tamén algún intre para coordinar a loxística de hoxe con apoderados e interventores do partido, ademais dalgún paseo. Como o que daba polo centro urbano Rafael Cuíña, de Compromiso, acompañado da súa muller, Berta González, e o seu can Demetrio. Unha xornada que tachou de tras «descanso activo» unha campaña «tremendamente ilusionante e produtiva, pero dura, esixente e de moito traballo». Houbo tempo para familia e comida con amigos, ademais de estar pendente da coordinación do operativo de CxL para hoxe e acudir ao Area ao campionato de kung fu.

Alba Forno, do PSOE, aproveitou para gozar do aire puro facendo running pola mañá, na fraga de Catasós. «Xa tiña gañas de volver a correr, nestes últimos vinte días deixei o atletismo de lado e teño que prepararme para o Trail de Vilatuxe, a ver se dou feito a proba dos doce quilómetros», apuntou. E houbo tempo para compartir co seu marido e fillos, porque —dixo— «non sei se lles teño que dar as grazas ou pedir perdón, porque foi unha época moi complexa». Tiña previsto acabar o día con sesión de cine familiar.

Mentres, Paco Vilariño, do BNG, aproveitou a xornada para gozar dos seus fillos, Sálvora e Nuno, así como da compaña dos amigos, tras «tantos días de moito traballo e horarios imposibles». «Estar cos meus fillos é o meu espazo de felicidade», resaltaba, para aludir a unha visita aos seus pais, un paseo por Mouriscade e xogos no inicio do día co seu can Floqui.

Na Estrada, o candidato do PP, José López, deixouse ver polo pavillón Coto Ferreiro onde se disputou o campionato galego de ximnasia, ademais de compartir tempo con familia e amigos. Mentres, Luis López Bo, do PSOE, empezou o día con tarefas domésticas antes de ir ao súper a facer unhas compras e ultimar detalles no local electoral. Despois compartiu un vermú en Rubín, que está en festas, para comer coa súa noiva e amigos, regresando de novo aos preparativos de hoxe con apoderados e interventores.

O caso máis curioso protagonizouno Mar Blanco , de Móvete., que está cursando un máster en Psicoloxía Xeral Sanitaria en Madrid, que normalmente segue desde casa en modalidade presencial telemática, pero este sábado tocaba exame de Intervención psicolóxica en nenos e adolescentes, e tivo que desprazarse á facultade a Madrid para a proba. Despois regresou á Estrada para compartir a tarde cos compañeiros de candidatura. E Xoán Reices, do BNG, ademais de ultimar detalles para a xornada de votacións tamén tivo tempo para pasear co seu can Troski e relaxarse, ademais de estar coa familia.