Lalín leva a pleno o primeiro pagamento dos terreos para a Gran Praza

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Inclúe 174.000 euros para esa anualidade nunha modificación de crédito

19 mares 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O goberno lalinense segue a folla de ruta fixada para a Gran Praza a pesar do rexeitamento da oposición e leva ao pleno ordinario deste mes unha modificación de créditos por un montante de 1,8 millóns de euros. Nela inclúese unha partida de 174.000 euros destinada ao pagamento da primeira das catro anualidades para a adquisición dos terreos e vivendas onde se situará ese novo espazo urbano.

O groso de montante: 1.177.408 euros servirán para pagar o desenvolvemento de proxectos cuxa tramitación se iniciou no exercicio anterior. Desta cantidade, 385.647 euros empregaranse na urbanización exterior da parcela do Centro Integrado de Saúde e 276.568 euros á rehabilitación superficial de varias rúas.

Un paquete no que se inclúe a rúa X, a prolongación da avenida Xosé Cuíña, a rúa Castelao, Memorias dun Neno Labrego, a rúa Banda de Lalín e a de Nuno Eanes de Cercio.

Dentro dese bloque de iniciativas inclúense 188.554 euros para a senda entre Xaxán e a Ronda Este e 326.636 euros para obras de acondicionamento nos accesos a núcleos de poboación e a mellora de firmes na parroquia de Zobra. Son, todas elas, cantidades coas que o goberno local fará fronte a gastos comprometidos o ano anterior.

Outras partidas son para o pagamento de convenios de colaboración como son os 100.000 euros do asinado coa Asociación de Empresarios de Deza para a realización de actividades de dinamización comercial ao longo deste ano e 5.000 euros para o convenio anual de colaboración coa Casa do Patrón para o desenvolvemento de actividades culturais e turísticas. Dentro desa modificación de crédito van tamén axudas para eventos deportivos. 12.000 euros serán para apoiar a celebración dunha nova edición do Galaico Train Run, o Trail de Vilatuxe, que terá lugar o 3 de xuño e outros 12.000 euros para a Bike Race que se celebra o 4 de xuño e 75.000 euros para as subvencións deportivas deste ano

Dentro dos gastos de obras inclúense 23.714 euros para o pagamento da liquidación das obras da rede de rede de sumidoiros en Ateán, Somoza, Cadrón, Milleirós, Outeiro e Losón, 9.506 euros para o pagamento de intereses de operacións de préstamo e 62.500 euros en concepto de pagamento da segunda liquidación da cofinanciación das garderías do Pontiñas e do polígono Lalín 200 xestionadas polo Consorcio Galego de Igualdade.

A responsable de Facenda engade a estes abonos, o pagamento de liquidacións por un montante de 104.136 correspondentes ás obras de reurbanización da rúa Monte Faro, a pavimentación de vías en Alperiz, Goiás, Madriñán e outras incluídas no Plan Concellos do 2021, así como as de humanización das rúas Principal e Loriga. Os edís da corporación acordaron, a petición do goberno e coa aprobación dos grupos da oposición, adiantar a celebración do pleno ao 29, ás 10.00 horas.