Lalín buscará financiamento no programa Pon2030 para o centro social de Carragoso

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Adrián Fritiría

O proxecto, por 600.000 euros, foi presentado aos veciños

19 mares 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O goberno lalinense presentará o proxecto de construción do centro social de Carragoso ao programa Pon2030 da Deputación en busca de financiamento para unha obra que conta cun orzamento de 600.000 euros. Son 200.000 euros máis dos que chegaron a estar orzados polo Concello no 2021 para este fin.

O alcalde, José Crespo, acompañado por unha ampla representación do grupo de goberno, presentou onte o proxecto aos veciños de Carragoso, a avenida de Cruces e A Trigueiriza. O edificio, de 288 metros cadrados construídos máis un soportal de entrada de 66 metros cadrados, situarase nunha parcela municipal situada na área da Trigueiriza, onde estará o supermercado de Mercadona.

O prazo de presentación de proxectos finaliza o 21 de abril e con cargo á liña 2 do Pon2030, a Deputación fixa un financiamento do 65%, e o 35 % restante tería que ser sufragado polo Concello con fondos propios. O goberno agarda poder iniciar os traballos neste ano, no caso de que a Deputación lle concedese a axuda. De ser así, din, podería estar finalizado a mediados do 2024.

Tras a consignación de 400.000 euros no orzamento do 2021, nos dous anos seguintes non figuraba ningunha partida e búscase financiamento externo.

Ao acto de onte asistiron medio centenar de veciños que puideron coñecer os detalles do proxecto de boca dos redactores do mesmo: Carlos Durán e Luis Fernández, de Arco Arquitectura. Será un edificio polivalente, de construción eficiente e baixo consumo, realizado con materiais reciclables e reutilizables. A fachada este de edificio dará a un espazo verde que discorre paralelo ao arroio Balados, que xa conta cunha zona peonil que vai desde o local social á Ronda Leste. O inmoble contará cunha sala diáfana multiusos de 160 metros cadrados e un escenario contiguo de 23 metros cadrados destinado á celebración de eventos. As instalacións complétanse cunha cociña de 20 metros cadrados, dous baños, dous almacéns, un vestíbulo e un cuarto destinado ás instalacións eléctricas e de climatización.