O goberno lalinense cifra en 2,5 millóns de euros a adquisición de casas e terreos para a Gran Praza

La Voz

LALÍN

Cedida

En principio, está previsto o pagamento en catro anualidades de 643.230 euros cada unha

30 ene 2023 . Actualizado ás 21:35 h.

O goberno lalinense cifra en 2.572.922 euros o custo da compra de 2.900 metros cadrados para a Gran Praza contando a rúa X, que inclúe dúas casas, propiedade das familias Abeledo unha e Losada outra, catro parcelas e catro metros cadrados dunha terceira familia.

O alcalde de Lalín, José Crespo, sinalou que a idea é afrontar o pagamento en catro anualidades, que suporía un desembolso de 643.230,05 euros cada ano. Un gasto que considera asumible e que conta que se poida facer con cargo aos remanentes. Defende que «é unha oportunidade histórica» lembrando que a zona figura no PXOM como a área de repartición 26 e no caso de que se executase suporía a edificación da mesma deixando «un túnel de unhos oito metros para o Concello».

Insiste en que «agora danse as condicións de negociacións cos propietarios», ao que suma a oportunidade de poder optar a fondos europeos para o financiamento da obra ademais de posibles negociacións con outras administracións como a Xunta ou a Deputación.

Crespo botou man da hemeroteca para lembrar que cando presentaron no 2019 o proxecto desa Gran Praza «xa deciamos que era unha actuación moi ambiciosa que non se daría feito nun mandato». Cre que dada a cantidade de condicionantes que teñen as obras dos proxectos europeos quedará diñeiro porque moitos non se poderán executar e que o Estado acabará sacando a opción de presentar novas iniciativas que se poderán levar os concellos que teñan xa terreos e proxecto. E ese quere que sexa o caso de Lalín.

A idea é que sexa un espazo polivalente «pensado para as persoas» que converta «a améndoa central de Lalín nun lugar moito máis amigable» destacando o paso por alí do Camiño de Inverno e a situación do Quilómetro Cero.

Afirma que «a marxe das liortas políticas esta é unha oportunidade única e histórica para facelo e non a podemos deixar escapar, como pasou coa casa de don Álvaro». Recoñece que «o mellor é moito nun só mandato, pero o colles agora ou o perdes». Unha vez adquiridos os terreos, explica, «despregaremos a nosa capacidade de xestión» convencido de que «este sería un proxecto europeo».

O rexedor afirma que consultou a decisión da praza en «moitos foros e a moita xente e o 99 % me dixeron que para adiante» lembrando que o proxecto era un dos compromisos que ían no seu programa electoral.