A Valedora do Pobo recibiu 51 queixas dos veciños da zona

David Cofán Mazás
David cofán A Estrada, LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

A maioría das reclamacións procedían de Tabeirós-Terra de Montes

04 jul 2022 . Actualizado ás 11:40 h.

No 2021 a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, recibiu un total de 51 queixas procedente dos municipios das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, case un 18 % menos que no 2020, cando foron 62. Este é un organismo que está a disposición de todos os galegos para velar polos dereitos e liberdades que recolle o Estatuto de Autonomía e a Constitución. Un mecanismo que se encarga de controlar e denunciar as malas praxes das administracións, que o ano pasado foi menos utilizado polos veciños da zona.

A pesar de contar con menos municipios, Tabeirós-Terra de Montes aglutinou a maioría dos expedientes con 26, un máis que Deza. O concello no que se formularon máis queixas foi o da Estrada, con 18. Séguenlle con 10 Lalín e Silleda. No caso estradense son once menos que no 2020 e na capital dezana sete. Pola súa banda, os silledenses presentaron unha queixa máis que hai dous anos. Forcarei foi o cuarto máis combativo con sete requirimentos, moi por amais de Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Cerdedo-Cotobade que sumaron 2 e 1. Ningún dos 1.057 veciños de Dozón presentou queixas á Valedora.

Neste informe, Dolores Fernández destaca dúas queixas relativas á prohibición da plantación de eucaliptos nos montes de utilidade e xestión pública, así como as novas distancias que deben respectar as repoboacións forestais. Nunha delas, o Concello da Estrada «informou de que a propiedade comunicara que existían cables da compañía Telefónica sobre a parcela, o que impedía a tala das árbores, polo que dende a administración municipal se lle remitiu un correo electrónico á citada empresa para que procedesen á retirada dos mesmos mentres se procedía á tala. Telefónica respondeu o mesmo día indicando que darían traslado á área encargada para que executasen os traballos o antes posible. Porén, a empresa non actuou no sentido indicado», explica a Valedora.

No que concierne a Silleda, algunhas queixas son relacionadas con eventos no municipio como oposicións e probas físicas da Agasp, centrándose nunha relacionada co ámbito urbanístico pola paralización dunha obra en 2014 ao carecer de licenza municipal e estar construída nun chan de núcleo rural histórico. A queixa está relacionada coa execución das obras a pesar de non constar título habilitante da edificación nin das obras realizadas recentemente, polo que o Concello instou á propiedade á retirada de materiais e ao precintado do acceso á parcela, remitindo o expediente á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Lalín conta con máis dun centenar vivendas baleiras, A Estrada 19 e Silleda unha

A Valedora do Pobo realizou unha investigación sobre as vivendas baleiras propiedade de entidades de créditos, filiais inmobiliarias e entidades de xestión de activos en Galicia en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que deu lugar a un censo de inmobles baleiros con data de decembro do 2020. Nesta listaxe aparecen tres municipios das comarcas: A Estrada, Lalín e Silleda.

Con gran diferenza, Lalín é o municipio con máis vivendas baleiras, 111, seguido da Estrada con 19 e Silleda cunha. Unicamente Vigo (123) e Ponteareas (112) superan a Lalín neste apartado. A capital dezana está moi por amais de cidades como Pontevedra (45), Ourense (62), Santiago (18) ou Lugo (68).

Os concellos acumularon case unha trintena de reclamacións

Unha parte das queixas formuladas polos veciños das comarcas foron dirixidas aos concellos. En total foron 29 expedientes tramitados: 7 na Estrada, 6 en Forcarei, 5 en Lalín, 4 en Silleda, 3 en Vila de Cruces, 2 en Agolada e Cerdedo Cotobade e ningunha en Dozón e Rodeiro. No caso da Estrada sobresaen dous casos, un no que se lembra á Administración local os deberes legais para facilitar aos cidadáns información urbanística, e outro no que se recomenda ao Concello que impulse a limpeza de maleza para paliar a situación de perigo que denunciaba un veciño.

Con respecto a Lalín destaca a solicitude de cumprir os deberes legais para liquidar o otorgamiento dunha licenza urbanística. Tamén neste ámbito afloraron dúas queixas para os concellos de Forcarei e Cerdedo, o primeiro sobre a falta de seguridade nunhas obras e o segundo para tomar medidas co fin de levar a cabo a reposición dun expediente de legalidade urbanística.

Incumprimento

Nun dos apartados do informe da Valedora do Pobo dáse a coñecer o número de veces que os municipios galegos incumpren o deber de colaboración das administracións nas investigacións que realizan esta institución. Neste apartado atópanse tres municipios da zona: Agolada, Forcarei e Lalín, cunha queixa respecto diso cada un.