Lalín solicita fondos europeos para rehabilitar a vella piscina

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

CEDIDA

O alcalde contratou por decreto a redacción dun estudo técnico

27 may 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A piscina climatizada do Lalín Area comezou a funcionar en setembro do 2012. A súa apertura deixou sen uso as instalacións situadas ao lado das piscinas exteriores. Ao longo desta última década os distintos gobernos puxeron sobre a mesa diferentes plans para este espazo que, a día de hoxe, continúa baleiro. A través dun decreto da alcaldía asinado o pasado día 13, o alcalde, José Crespo, contratou á empresa Promove Xestión Técnica SLP por importe de 17.980 euros, a asistencia técnica para a redacción da documentación técnica-gráfica das propostas a presentar para o programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos, neste caso o pavillón municipal e a antiga piscina cuberta. O proxecto, unha vez redactado, será presentado polo Concello de Lalín para optar a axudas europeas.

O pasado mes de abril, Crespo xa anunciaba que o Concello estaba a valorar presentar dous novos proxectos aos plans Next Generation, con financiamento europeo, que reportarían melloras no vello pavillón municipal e nas instalacións da antiga piscina climatizada.

Nese momento, o rexedor sinalaba xa nas últimas ordes de axudas europeas tiñan cabida eses proxectos de mellora. No caso do pavillón municipal destacaba a súa céntrica localización e apuntaba que a idea era contar con ese financiamento para «remozarlo completamente, deixando o casco e pouco máis» comentando xa tamén que «tamén estamos a voltas coa vella piscina climatizada».

Onte en Radio Lalín, o rexedor rexeitaba falar de proxectos europeos explicando que «pedimos catro ou cinco e imos pedir aínda outro e non nos van a dar os seis». Sinalou que «cando teñamos os datos concretos do estudo que pedimos, porque está unha enxenería traballando nel, e cando estén perfectamente reflexados amais da mesa xa o diremos» engadindo que pelexarán pola concesión dos proxectos que opten a axudas europeas «e si nolo conceden, dirémolo».

Antes disto, os posibles usos a dar a este espazo, actualmente abandonado, foron obxecto de debate chegándose a pór sobre a mesa diferentes opcións. O goberno do PP expuña en abril do 2011 levar a biblioteca á antiga piscina cuberta. Unha dos obxectivos era aforrar o alugueiro do baixo da rúa Z, onde se situaba naquel momento, aumentando os postos de lectura e a superficie de uso. En xaneiro do 2011, Crespo quería priorizar o traslado da biblioteca á antiga piscina e non descartaba convocar un concurso de ideas para o vello consistorio.

En novembro dese mesmo ano, a incógnita quedaba resolta e decidíase destinar a biblioteca o antigo consistorio. Antes diso falar tamén da posibilidade de albergar no edificio o Museo dá Marioneta.

No 2015 o socialista Nicolás González Casares, neste momento tenente-alcalde, visitaba a antiga piscina e denunciaba as condicións nas que se atopaba criticando a falta de mantemento.

Proceso participativo

En abril do 2017 aprobouse unha proposta contratando por 13.300 euros a unha firma a dirección dun proceso participativo para que fosen os veciños os que decidisen que facer con este espazo. Houbo visitas en xornadas de portas abertas, enquisas e consultas. Votaron 2.500 persoas e puxéronse sobre a mesa cinco alternativas. A que gañou era a máis custosa e a tecnicamente máis complicada porque esixía cambiar a estrutura e quitar a cuberta que se calculaba sería un investimento moi importante. Era a de volver convertela en piscina exterior.

González Casares xa advertía naquel momento que esa opción tiña un gran problema de diñeiro. A opción que quedou en segunda posición fora convertelo nun edificio polivalente con locais sociais e culturais e en terceiro posto quedou a idea de facer un parque infantil cuberto. De momento e anos despois, estas antigas instalacións, próximas a varios centros escolares, ao Auditorio e ao Paseo Pontiñas aínda non parecen ter do todo definido o seu futuro uso.