Lalín celebrará o 22 de xuño unha nova edición da Gala do Deporte

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

MARCOS MÍGUEZ

27 may 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Despois de varios anos de ausencia, Lalín volverá celebrar a súa Gala do Deporte o vindeiro mércores 22 de xuño. O edil de Deportes, Avelino Souto, explicou que o martes levou a cabo unha reunión cos diferentes clubs que recibiron subvención no 2021 para organizar os preparativos e as bases para participar na festa do deporte lalinense.

Nesta edición haberá oito categorías nas que optar a galardón. Entregarase o premio a mellor deportista masculino e feminino en categoría promesa, máster e absoluto; ao mellor club deportivo; ao mellor evento deportivo; a toda unha traxectoria; así como un recoñecemento á empresa que máis colaborou e participado en actividades e no fomento do deporte no municipio. Así mesmo, cada club participante proporá a un membro do seu equipo, sexa deportista ou non, para que reciba un galardón.

O prazo para presentar as candidaturas que opten aos premios está aberto e continuará vixente ata o 10 de xuño. O 15 celebrarase unha nova reunión entre os organizadores a porta pechada na que se emitirá as votacións secretas para elixir aos premiados.

Ausencia de 14 anos

A última edición da Gala do Deporte de Lalín tivo lugar no 2008, onde foron galardoados como mellor club, o CD Lalín, e como mellor deportista, o atleta José Domínguez.