Dous cans deixados nun piso prolongaron horas a execución dun desafiuzamento en Lalín

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

27 may 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Axentes da Garda Civil e da Policía Local de Lalín apoiaron onte ao equipo xudicial desprazado a unha vivenda situada no número 30 da rúa Principal de Lalín para executar unha orde de desafiuzamento pola falta de pagamento do alugueiro. A presenza das forzas de seguridade durante varias horas non pasou desapercibida para os veciños.

Unha vez chegaron ao piso os axentes, en presenza dun avogado e o persoal do Xulgado de Lalín, levaron a cabo a apertura da porta de entrada. No interior do piso atopáronse, nun cuarto con dous cans, un deles ao parecer un cruzamento de raza rottweiler. A presenza dos canes fixo que se iniciasen xestións para localizar aos donos dos animais primeiro e, máis tarde, agardásese a chegada de membros da protectora canina de Pontevedra que se encargaría de recoller aos animais.

A comisión xudicial chegou cos membros das forzas de seguridade a piso ao redor das 12.00 horas, pero pasadas as dúas da tarde os axentes aínda agardaban a chegada desde Pontevedra dos encargados en levar aos cans. Ao parecer, á hora de realizar o desafiuzamento, e unha vez dentro atopáronse con desfeitas no piso que ao parecer presentaba un aspecto deplorable con moita sucidade. O desafiuzamento producíase onte como último paso despois de reclamacións por falta de pagamento do alugueiro.

Este é o segundo deshaucio por falta de pagamento dun alugueiro en Lalín en pouco tempo. O 6 de abril, a Policía Local acompañaba á comisión xudicial na execución dunha orde de deshaucio por falta de pagamento dos inquilinos dun piso da rúa Arenal.. Os que estaban nese momento na vivenda levaban unha semana e os que se habían ir sen pagar eran ao parecer outras persoas. Nese caso, a reclamación era de oito meses de alugueiro.