As residencias optan por un Nadal seguro por medo ao covid

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Os centros elixen principalmente actividades internas con poucos visitantes foráneos

02 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Co inicio do mes de decembro empeza a conta atrás para o Nadal e mentres nas rúas de moitas das localidades da zona xa se pode ver a iluminación festiva, nas residencias da terceira idade comezou xa a decoración dos centros e prepárase xa a programación a desenvolver durante as festas.

O aumento de casos de coronavirus, fai que este ano se volva optar pola prudencia limitando as actividades que requiran a participación de persoas de fóra e óptase por iniciativas de carácter interno.

A pesar de que os maiores dos centros teñen postas xa as tres dose da vacina, o medo e a preocupación por posibles contagios continúa estando moi presente. Na mente dos equipos directivos estaba poder contar de novo con grupos musicais numerosos e recuperar as citas e festas de anos anteriores á pandemia, pero non vai poder ser.

En Vila de Cruces, a directora da residencia, Rocío Carbón, explica que nos gustaría contar coa Banda de Ponteledesma e coa Artística de Merza e dános moita pena non poder telos». Sobre todo, ás seccións infantís e xuvenís destas formacións. Barallaban poder substituír estas actuacións pola dalgún pequeno grupo pero atópanse co problema de que moitas desas agrupacións suspenderon os seus ensaios habituais por culpa da pandemia e non están a actuar.

Na residencia de Silleda, o día 23 celebrarán unha festa para os maiores e, en principio, contan con poder gozar da actuación dun dúo que amenice a cita. O día 31, ás 12.00 horas, traballadores e residentes tomarán as uvas por adiantado. O día 24 visitará o centro Papa Noel e o 5 de xaneiro os Reis Magos, pero a diferenza doutros anos, nesta ocasión As súas Maxestades non terán que viaxar porque serán traballadores os que lles darán vida. O día 25 pola tarde servirase unha chocolatada.

A residencia Domusvi de Lalín súmase tamén ás celebracións. O día 24 visitará o centro Papa Noel que percorrerá distintas estancias e entregará agasallos aos maiores, O día 27 terá lugar un taller de manualidades e o 28 un taller de cociña. O 29 haberá unha yincana do Nadal e o 29 unha sesión de terapia con animais. Para o día 30 está prevista unha actuación musical a cargo do grupo de gaitas Os Trasnos de Doade e o 31 os residentes celebran o Fin de Ano cunha festa amenizada por Juan París, que contará cun Photocoll, sen esquecer a degustación das uvas da sorte. O 31 celébranse os aniversarios dos residentes nados en decembro.No Fogar Enxebre haberá terapia con animais.

Na residencia das Dores extrémase a prudencia. O centro, do mesmo xeito que o ano pasado, optará por Papa Noel e Reyes Magos propios. As actividades de animación levarán a cabo con persoal propio e incluirán talleres e actuacións musicais, entre outras. Todas elas mantendo as restricións de separación de grupos burbulla e plantas. Entre as iniciativas non faltarán un bingo ou a colocación do tradicional belén.

Inicio da decoración do Nadal e a confección de adornos

Na residencia de Vila de Cruces, os maiores empezaron a elaborar adornos para a decoración do Nadal do centro e colocaron xa a árbore e as decoracións que se porán nos diferentes cuartos. O centro estivo a buscar tamén imaxes coas que ilustrar a postal que se mandará como felicitación este ano. No Fogar Enxebre de Río tamén os maiores están estes días ao choio confeccionando adornos para vestir esta vivenda comunitaria.

Na residencia de Silleda, ten xa os menús das festas xa elaborados. E o mesmo pasa noutros centros da zona onde as actividades habituais e os talleres teñen estes días un aire máis do Nadal e céntranse na confección de todo tipo de adornos, postais ou mesmo algún agasallo que os maiores fan para as súas familias. É o caso dos residentes de Silleda. Neste centro montouse tamén un escaparate de Nadal e colocouse unha árbore no exterior feito cun palé.

Onte na residencia Domusvi de Lalín iniciouse a recollida de xoguetes solidarios para a campaña do Concello de Lalín e comezou a decoración do Nadal. Na residencia das Dores de Lalín agardarán a despois da ponte de decembro para empezar coas actividades. De momento nos talleres xa se iniciou a confección de adornos con material reciclado.

Petición do certificado aos visitantes e provedores no Fogar Enxebre

Na residencia de Río, en Rodeiro, o seu director, Fabián Calandria, explica que «pedimos certificado de vacinación aos familiares que entran de visita». No centro optouse por manter as distancias e a prudencia. «Non queremos tirar pola borda todo o sacrificio que levamos feito», apunta. Pídese tamén certificado de vacinación aos provedores.

Nos centros teñen claro que este ano non haberá saídas fose como as que se facían en grupo outros anos. Os centros celebrarán as festas, en moitos casos, en familia, entendendo por esta a residentes e traballadores. Na residencia das Dores de Lalín mantense un caso de covid nunha residente, que se atopa ben de saúde e con síntomas moi leves, e unha traballadora e extrémanse as precaucións.