Desestimada a demanda de José Carlos Agulló por dereito á honra contra Rafael Cuíña

j. b. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

O coordinador de CxL valora emprender accións xudiciais e lamentou o uso político dado no seu día a este asunto por Cruz

02 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín desestimou a demanda presentada por José Carlos Agulló Canda contra o actual coordinador de CxL, Rafael Cuíña, por suposta intromisión ilexítima no dereito á honra, á intimidade persoal e á súa imaxe. Pedía unha indemnización económica de 30.000 euros. Pero o xuíz falla en contra do demandante e mesmo lle impón o pagamento das costas xudiciais, nun fallo contra o que cabe presentar recurso de apelación.

A apertura deste proceso xudicial xorde tras anunciarse por parte do entón alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, o debate dunha moción —que foi aprobada en pleno en xaneiro do 2017— para declarar persoa non grata ao exministro de Defensa, Federico Trillo, pola súa xestión na traxedia do Yak-42 na que morreron 62 militares en maio do 2003, entre eles o lalinense Vicente Agulló Canda. Cuíña apuntara naquel momento que falara coa familia do falecido sobre ese tema, o que xerou a demanda agora desestimada pero tamén un debate político en Lalín con críticas ao exregidor do edil non adscrito, Juan José Cruz, e en parte polo PP.

Para o xuíz, as manifestacións de Cuíña sobre ese contacto coa familia «nin excederon o ámbito da liberdade de expresión nin vulneran de modo ilexítimo o dereito á honra». «É importante sinalar que a maior queixa dos familiares que prestaron declaración é que non se realizou unha reunión familiar e votouse cal é a postura en común, o cal non competía ao demandado, ou que a persoa coa que contactase non fosen os pais, o cal tampouco era obrigatorio», remarca o fallo xudicial.

Tema doloroso

Rafael Cuíña valoraba onte esta recente sentenza para insistir en que todo este proceso «foi un tema moi doloroso para min no persoal» e criticou a utilización política realizada no seu momento por Juan José Cruz e o PP. «Quedou acreditado que dixen a verdade», incidiu o coordinador de CxL para considerar que a denuncia non se sustentaba «por ningún lado como demostra a imposición das costas ao demandante a pesares de ser un caso de oficio».

Apuntou ademais Cuíña que está a valorar emprender accións legais contra tres dos irmáns Agulló Canda —José Carlos, Francisco e Isabel— polas súas declaracións no xuízo, para defender a actitude correcta mostrada por Asunción. Pero talvez decida evitar un novo proceso «por respecto a algúns irmáns e pola figura da súa nai e pola memoria de Vicente». Destacou o aprecio que tiña polo militar falecido para cargar contra Juan José Cruz, quen mesmo presentou unha moción paralela para debater naquela sesión do 2017 e declarar persoa non grata a Trillo pero tamén a Pablo Crespo.