Cuíña cuestiona a falta de medidas para o comercio e bonos que poñan o diñeiro en circulación

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

22 oct 2021 . Actualizado ás 23:20 h.

O coordinador de Compromiso por Lalín, Rafael Cuíña, apunta que votarán a favor no pleno das rebaixas de impostos propostas polo goberno lalinense e que tacha de «fume». Sinala que en marzo do 2019, gobernando o cuadripartito, a liquidación reflectía que «o Concello de Lalín, despois das medidas que tomamos, recadou un millón de euros menos de impostos dos lalinenses e agora o PP está falando de entre 400.000 e 500.000 euros, o cal é a metade do esforzo fiscal do goberno que eu presidía nese momento para reactivar a economía de Lalín». Explica que onde máis se baixou foi na contribución urbana, onde, indicou, «estamos falando de 647.200 euros». De ICIO nesa liquidación constaba un ingreso de 300.000 euros recadados mentres que «agora se fala dunha estimación do ICIO de 200.000 euros» que, entende, «evidencia a crise fonda que hai neste momento».

Rexeitamento a propostas

Explica que hai un ano CxL presentaba co PSOE unha batería de medidas «entre as cales estaban moitas das que anunciaron Crespo e Paz Pérez estes días e que non se quixeron facer simplemente porque as propoñía a oposición». Argumentaban, di, «que non as aceptaban porque podían ir en contra do equilibrio financeiro do Concello e un ano despois están tomando medidas moi semellantes». Lembra ao rexedor que «deixou case 6 millóns de débeda no 2015» e que cando o goberno que Cuíña presidía foise o Concello quedou «cheo de cartos e sen un só euro de débeda». Opina que neste momento «a hostalaría remontou bastante e non me parece mal eliminar as taxas pero a quen se está desprezando é o comercio, que xera emprego e pon en circulación moitos cartos». Cre que «nestes momento a hostalería podía precisalo menos, pero quen si o precisa é o comercio». Opina que sería máis importante sacar ao comercio as taxas de lixo e rede de sumidoiros que «a de as terrazas á hostalería».

Plusvalías

Respecto das plusvalías sinala que o PP propuxo quitar as plusvalías nun pleno «por vinganza porque nos baixamos o IBI ao mínimo legal» e lembra que os acordos plenarios «instan pero non obrigan e quen quitou as plusvalías foi o goberno anterior» acusando ao PP de «ser os que máis apretaron aos lalinenses na crise de 2007 ao 2014». Afirma que «nós estamos máis cos comerciantes que cos construtores que, estou convencido, esta rebaixa de ICIO vai ser absolutamente marxinal nos seus balances» e cre que «da a sensación de que queren beneficiar aos construtores». Pregunta á interventora porque hai un ano dicía que non se podían adoptar estas medidas e agora si. Achaca a Crespo «ou marca de paro» nesa crise e defende que é necesario e clave inxectar diñeiro no circuíto económico avogando por bonos «como se fixeron en Monforte ou en Carballo e que agora está facendo a Xunta e o goberno do Estado». Parécelle ben a rebaixa para os coches eléctricos pero anima a Crespo a baixar ese imposto tamén a vehículos con outro tipo de tracción e pídelle que sexa máis ambicioso respecto da adopción de medidas de rebaixas fiscais.

O PSOE pregunta porqué non se fixeron rebaixas fiscais este ano

O grupo municipal de PSOE de Lalín dá «a benvida» ao rexedor ás rebaixas fiscais e acusa a Crespo «negalas sistematicamente durante mais dun ano pese as reiteradas peticións da oposición». da edila, Alba Forno, tacha a actitude do rexedor de e «un exercicio de intolerable cinismo» lembrou que hai un ano PSOE e CxL propuxeron a eliminación da taxa do lixo, auga e terrazas para comercio e hostalería e que o PP votou en contra.

Explican que no verán a través doutra moción pediron bonificacións ou exencións no ICIO a instalacións como as de enerxías renovables ou para os coches eléctricos e «aseguraban que implantalas comprometía a capacidade económica do Concello», afirma.

Pide ao alcalde que explique publicamente Alba Forno cre que estas medidas «chegarán tarde para moitos establecementos» e lamenta que Crespo «se esqueza nas súas medidas do comercio, que se atopa nunha situación de extrema dificultade».