Os maiores de 80 recibirán a terceira dose en centros de Silleda, Lalín e A Estrada

La Voz

LALÍN

MIGUEL SOUTO

23 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os maiores de 80 anos da zona están xa sendo citados estes días para recibir a terceira dose da vacina contra o covid-19. A vacinación empeza o luns, do mesmo xeito que a da gripe. Na zona establécense como puntos de vacinación os centros de saúde de cabeceira para cada un dos municipios da zona que, neste caso, son os de Lalín, A Estrada e Silleda.

A este último acudirán os maiores de 80 anos dos municipios de Silleda e Vila de Cruces, mentres que a Lalín o farán os de Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón.

Desde a xerencia de Santiago explican que unha vez acudan á cita para recibir a terceira dose da vacina do covid ofreceráselles a posibilidade de vacinarse ao mesmo tempo contra a gripe.

Os que non desexen vacinarse da gripe nese momento poderán solicitar cita para facelo no seu centro de saúde seguindo o mesmo procedemento que en anos anteriores. Desde o luns está aberta a campaña de vacinación en todos os centros de saúde para os maiores de 65 anos. A partir do 15 de novembro vacinaranse os de 60 a 64 anos, ademais doutros colectivos, entre eles persoas con patoloxías de risco, e a partir do 29 de novembro o resto da poboación diana e convivientes de persoas de risco.