Lalín homenaxea á Compaña da Garda Civil por un labor modélico

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Maica Larriba fixo unha mención especial ao equipo de Policía Xudicial

21 oct 2021 . Actualizado ás 12:15 h.

O Concello de Lalín brindou na mañá de onte unha homenaxe á Quinta Compaña da Garda Civil de Lalín en recoñecemento ao seu traballo «modélico en prol da seguridade da veciñanza». Se cumplía así un acordo plenario adoptado o 30 de abril a proposta da alcaldía que contou cos votos a favor de PP, CxL e PSOE e a abstención do BNG. O coronel, e máximo responsable da Comandancia de Pontevedra, Simón Venzal, expresou o agradecemento da Garda Civil por este recoñecemento que, dixo, «reforza o noso ánimo inquebrantable de cumprir co mandato constitucional de velar polo libre exercicio dos dereitos e liberdades e a seguridade cidadá» e o de «seguir cumprindo cos distintos labores que temos encomendadas do menor xeito posible, buscando sempre a excelencia no servizo ao cidadán».

Venzal agradeceu e puxo de relevo que «con este acto recibimos e apreciamos a integración que ten a Garda Civil en Lalín e en toda esta zona, a colaboración cidadá e o excelente trato que recibimos de todas as institucións locais coas que traballamos no día a día». Un agradecemento que o coronel reflectiu no libro de ouro do Concello.

Pola súa banda, a Subdelegada do Goberno, Maica Larriba, transmitiu o seu recoñecemento e felicitación «a todos os membros da Quinta Compaña da Garda Civil de Lalín». A eles deulles as grazas por «un traballo sobresaliente» sinalando que «durante os últimos anos esta unidade adscrita á Comandancia de Pontevedra foi un dos mellores exemplos do compromiso coa sociedade máis próxima que cada día demostra a Garda Civil e que debe enchernos de orgullo». Subliñou «o exemplar labor desenvolvido desde a súa creación» e que se reflicte, engadiu, «na intervención directa en múltiples operacións contra grupos criminais en Deza e Tabeirós-Terra de Montes» destacando que «as súas operacións traspasaron moitas veces as fronteiras locais e foron relevantes a nivel galego e nacional, o que demostra a dilixencia e capacidade de cada un dos membros e unidades desta Compaña».

Larriba indicou que gran parte dos operativos tiveron como resultado a desarticulación de bandas criminais e a detención dos presuntos autores dos diferentes delitos. A Subdelegada fixo unha mención especial ao Equipo de Policía Xudicial e a desarticulación o pasado ano dun grupo dedicado ao asalto de vivendas ás que se lle imputaban máis dun centenar de delitos. Quixo tamén pór en valor as actuacións da Garda Civil no rural «onde son os primeiros en chegar cando hai problemas» prestando uns servizos que cualificou de «esenciais». Para a subdelegada, o labor da Compaña lalinense é determinante para que a zona, dixo, atópese entre as máis seguras da provincia.

O rexedor, José Crespo, fixo entrega á Garda Civil dun diploma conmemorativo e un obsequio distintivo. Na súa intervención lembrou os avatares da Compaña en Lalín, que deixou de existir cando en época da UCD, o goberno outorgou unha comisaría da Policía Nacional a Lalín. Esta foi retirada máis tarde e tiveron que pasar anos ata a recuperación da Compaña primeiro e dun posto principal moito máis tarde.

Crespo trasladou á Garda Civil o apoio da corporación e da vila de Lalín así como o agradecemento de todos ao labor que levan a cabo sinalando que «sondes uns veciños máis». O alcalde aludiu tamén ás chamadas de empresarios que lle pediron que trasladase o seu agradecemento á Garda Civil tras a detención dunha banda á que se imputaban asaltos a vivendas e empresas da zona e que causou unha gran preocupación entre a cidadanía.

O acto contou onte coa presenza ademais dos citados coa do capitán da Compaña de Lalín, Antonio Álvarez; o tenente xefe do Posto Principal de Lalín, Jorge Covas; o tenente do Destacamento de Tráfico de Lalín, Fernando José Tato; o sarxento do Equipo de Policía Xudicial da Compaña de Lalín, Iván Fernández; o cabo primeiro xefe da Patrulla do Seprona, Néstor López e o garda da Plana Maior, Rubén González.

A eles sumáronse o responsable da Policía Nacional en Lalín, Javier Carreira; representantes de Protección Civil, incluído o xefe da agrupación, Víctor Blanco , Policía Local, membros do grupo de goberno, o coordinador de CxL, Rafael Cuíña, o edil socialista, Cristóbal Fernández e o tenente alcalde de Vila de Cruces, Julio López. O acto foi conducido pola concelleira de Seguridade, Eva Montoto.

Petición dunha maior dotación para cubrir un rural inmenso

A subdelegada do Goberno, destacou na súa intervención que dos maiores retos nestes momentos é «manter unha presenza eficaz nas zonas rurais axustadas ás necesidades dos cidadáns cun servizo que apontoe a prosperidade da contorna rural».

Neste sentido explicou que reforzar a seguridade no rural forma parte das políticas do goberno de España contra o despoboamento indicando que para este ano se convocaron 2.100 novas prazas de gardas civís cunha taxa de reposición do 115%. A pesar de todo recoñece, «aínda queda moito por facer, pero nesta liña estamos a traballar porque agora non hai alcalde ou localidade que non desexe ter un cuartel no seu municipio», afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Lalín, José Crespo, que interveu despois de Larriba, aproveitou para solicitar á subdelegada a posibilidade de incrementar o número de efectivos destacados en Lalín e na zona dada a gran extensión territorial que abarcan as dúas comarcas. Crespo destacou a necesidade de suplementar os efectivos cos que se conta na zona para dar servizo a unha demarcación moi ampla nun territorio «inmenso».