A residencia Fogar de San Miguel está en venda en 850.000 euros

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O centro xeriátrico privado conta con 18 prazas e inaugurouse no 2009

19 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A residencia Fogar de San Miguel, situada na parroquia silledense de Ponche está en venda. Un centro xeriátrico que se inauguraba o día 29 de xullo do 2009 e que, doce anos despois, podería cambiar de mans se frutifica a pretensión dos seus actuais propietarios. As instalacións e a parcela onde se asintan atópanse desde o pasado setembro entre as ofertas de polo menos un portal inmobiliario, Idealista. O prezo? Os donos solicitan 850.000 euros unha casa independente que conta con 777 metros cadrados construídos e 680 metros útiles. Na actualidade conta con nove cuartos dobres, é dicir, dezaoito prazas xeriátricas.

No portal inmobiliario destácase que se trata dunha propiedade enfocada na actualidade a fogar residencial para maiores. A edificación consta de dúas plantas construídas e un soto, dentro dunha leira de 4.300 metros cadrados de superficie. Na planta baixa sitúanse cinco cuartos dobres, seis baños, sala de enfermería, sala de curas, ximnasio, comedor, sala polivalente, cociña industrial con despensa, patio interior cuberto e unha oficina. Na primeira planta, pola súa banda, sitúanse outras catro cuartos dobres e dous baños. Mentres, no soto habilitouse a zona de lavandería, tendedero, espazo de almacenaxe e conxeladores, nun inmoble que conta con ascensor.

Respecto da parcela exterior, destácase a existencia dunha gran zona de paseo que mesmo conta cun lago artificial, con exemplares tanto de árbores froiteiras como de carballos americanos, ademais dun xardín e espazo con bancos e mesas para o goce dos residencias nos meses de bo tempo. Os seus propietarios reflicten no portal Idealista que o Fogar de San Miguel está abertos desde o 2009 «con todas as instalacións adaptadas á normativa vixente». Ademais, apuntan a posibilidade de ampliar a capacidade actual, xa que ás dezaoito prazas dispoñibles poderíanselle sumar outras seis máis «sen cambiar de categoría» e mesmo chegar ao medio centenar, dada a dispoñibilidade de espazo neste centro, «cambiando de categoría». Aluden ademais á súa boa localización, na parroquia silledense de Ponche e a escasos quilómetros da autoestrada AP-53.

Desde a propiedade tamén se resalta no anuncio dese portal inmobiliario que este edificio -agora funcionando como centro xeriátrico privado- atópase en bo estado de conservación. Conta con calefacción individual de gas natural, apuntándose que a certificación enerxética está en trámite, polo menos no momento da última actualización dos datos en Idealista o pasado setembro. Ademais alúdese á existencia de armarios encaixados nos cuartos e trasteiro.

Investimento de 300.000 euros

Os promotores deste centro de atención aos maiores de Ponche aseguraban a La Voz, co gallo de a súa inauguración hai doce anos, que realizaron un investimento de 300.000 euros para materializar o proxecto. Benjamín Frade destacaba que a pretensión era un trato familiar cos residentes, cunha aposta pola comida caseira, cultivando produtos na propia leira e criando animais de granxa, entre eles coellos ao coidado dun dos primeiros residentes.

O covid golpeou con forza nun brote en novembro

O coronavirus deixouse sentir nesta residencia silledense como ocorría noutras moitas de toda a xeografía nacional. Na vivenda comunitaria viviron o confinamento como unha gran familia, cunha vida case normal a pesar da ausencia de visitas. En maio do pasado ano, Benjamín Frades destacaba que os anciáns «non estrañan moito e están moi animados», coas videollamadas como recurso para contactar con familia e amigos. Pero a finais de outubro chegaba un brote que afectou á práctica totalidade dos maiores e traballadores, pechándose o centro, que reabriu días despois.

Dous anciáns da Coruña e un de Lalín, os primeiros que chegaron ás súas instalacións

Fogar de San Miguel convertíase na primeira residencia de anciáns que abría as súas portas no municipio de Silleda. Facíao a finais de xullo do 2009, estreándose con tres maiores, dous deles da Coruña e un de Lalín. Unha xornada de portas abertas con veciños, representantes do mundo empresarial, políticos e da área de Servizos Sociais permitiu dar a coñecer unhas instalacións que contan con algúns cuartos adaptados para grandes dependentes. Explicaba entón Benjamín Frade que as obras realizadas no edificio centráronse en adaptalo á normativa para funcionar como centro xeriátrico, así como habilitar un ascensor. Enxalzaba ademais a existencia dunha horta e espazos verdes, ademais de promoverse xogos e actividades ao aire libre para os residentes.