A corporación supuxo un custo aos lalinenses de 311.317 euros no 2020

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Na Estrada destináronse 229.015 euros a edís, por 158.298 en Silleda

16 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O desembolso económico que supuxo para as arcas dos distintos concellos a retribución bruta aos alcaldes e concelleiros, desde os que contan con dedicación exclusiva aos que só a teñen parcial e ou carecen dela, fluctúa de forma significativa en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Polo menos para os cinco municipios que remitiron os seus datos ao Ministerio de Facenda, xa que outros catro -Vila de Cruces, Rodeiro, Agolada e Cerdedo-Cotobade- non o fixeron ou foi fóra de prazo. Falamos dos emolumentos percibidos polos cargos electos das entidades locais no 2020.

Remuneracións lalinenses

Entre os cinco concellos que si remitiron esa información ao Goberno central -Lalín, A Estrada, Silleda, Forcarei e Dozón- o maior custo dos cargos electos correspóndelle ao lalinense. A corporación supúxolle aos veciños deste municipio dezán un total de 311.317 euros durante o pasado ano, segundo os datos de Facenda. Desa contía, 174.007 euros corresponden a dedicacións exclusivas -catro, incluída a do rexedor- e unha parcial. José Crespo contou cunha retribución bruta de 53.520 euros, mentres a tenente de alcalde, Paz Pérez, percibiu 49.602. A esas cifras súmanse outras dúas dedicacións exclusivas, de 40.544 -Begoña Blanco- e 37.574 euros -Avelino Souto- respectivamente, así como unha parcial de 30.311 -José Cuñarro-.

O resto dos custos dos outros dezaseis cargos electos en Lalín fluctúa de forma significativa. Nesa lista a contía máis alta é de 14.210 euros, para despois figurar tres concelleiros con 13.440. Son seis os que están por amais da barreira dos 10.000 euros, mentres dez perciben menos desa contía, entre 8.690 o que máis e o concelleiro que menos retribución tivo foi de 3.020 euros.

Cifras estradenses

A corporación da Estrada, aínda contando con máis poboación aínda que igual número de concelleiros que Lalín, xerou menos custos aos seus veciños. En concreto foron 229.015 euros ene o 2020, cunha contía moi significativa para as dúas dedicacións exclusivas e as tres parciais deste mandato. En concreto foron 168.370 euros, unha porcentaxe moi elevada respecto ao total. Desa cantidade, 58.372 euros corresponden ao soldo do rexedor, José López, para despois supor 39.999 euros o tenente de alcalde, Juan Constenla, mentres as tres parciais acadan desembolsos de 30.000 -Amalia Goldar-, 19.999 -Alberto Blanco- e 19.999 -Gonzalo Louzao- respectivamente. Respecto ao resto de emolumentos aos outros dezaseis concelleiros, todos están xa por baixo da barreira dos 10.000 euros. A cifra máis elevada nese tramo é de 6.707 euros, mentres que a máis baixa está en 1.370.

Datos silledenses

O terceiro posto entre os concellos dos que dispón datos Facenda atópase Silleda. Os cargos electos supuxéronlle aos veciños un desembolso de 158.298 euros o pasado ano, con case todo ese diñeiro dedicado a dedicacións exclusivas e parciais. En concreto supuxeron 146.493 euros, coa remuneración de 48.833 para o rexedor, Manuel Cuíña, sumándose as catro parciais, con 28.628 da tenente de alcalde, Mónica González, xunto a dous de 24.538 de Ángela María Troitiño e Pilar Peón, mentres que Klaus Brey -fóra da corporación desde hai uns meses, pero cargo electo durante o pasado ano- xerou un custo de 19.956 euros. Respecto ao resto de remuneracións, todas foron cifras moi modestas para os outros oito concelleiros da corporación trasdezana. A contía máis alta foi entre eles de 3.527 euros, mentres que a máis baixa ascendeu a tan só 612 euros.

Dozón supera en emolumentos a Forcarei a pesar da diferenza de poboación

Respecto dos outros dous concellos dos que figuran datos en Facenda, Forcarei e Dozón, resalta o feito de que os emolumentos a cargos electos no municipio dezán estean por amais do de Terra de Montes, a pesar da significativa diferenza de poboación. Iso afecta á hora de fixar tanto o tope salarial como a cifra de concelleiras, dúas máis en terras forcaricenses.

En Forcarei as arcas municipais desembolsaron 47.025 euros para atender as retribucións dos concelleiros, pero desa contía a maior parte corresponden ao salario da rexedora, Verónica Pichel, que percibe a única dedicación exclusiva con 40.416 euros brutos no 2020. Mentres, o resto de pagamentos aos outros dez edís resultan practicamente testemuñais xa que a cifra máis alta é de 765 euros e a máis baixa de 507, movéndose xa que logo en números moi baixos.

Dous parciais no dezán

Respecto de Dozón, o rexedor, Adolfo Campos, nin sequera percibe unha dedicación exclusiva senón unha parcial, que supuxo un custo o pasado ano de 37.688 euros, mentres que o total chegou aos 51.909 euros. Nesa cantidade figura outra dedicación parcial, esta moi máis reducida, de 5.521 euros. O resto de emolumentos a concelleiros, sete en concreto, parte dun máximo de 3.000 euros mentres que son só 300 o que menos percibiu, segundo os datos feitos públicos desde o departamento ministerial.

Facenda non reflicte no seu informe as cifras doutros catro concellos das comarcas, onde tamén hai dedicacións exclusivas ou parciais que se abonan a cargos electos polo seu labor municipal. En concreto carece de datos de Vila de Cruces, onde agora só hai tres edís no goberno local, así como de Agolada, Rodeiro e Cerdedo-Cotobade.

José López, no Top 10 dos máis «caros» en Galicia

Respecto dos salarios dos cinco alcaldes, José López, da Estrada, recibiu as maiores retribucións brutas da zona con 58.372 euros. Esa contía situoulle no Top 10 dos mellor pagos de Galicia, o sexto, por amais de rexedores de cidades como Santiago ou Ferrol, só superado polos de Pontevedra, Vigo, Ourense, A Coruña e Lugo. Mentres, José Crespo, de Lalín, figura no posto 13 cos seus 53.520 euros, e Manuel Cuíña, de Silleda, no 23 con 48.883. Verónica, Pichel, de Forcarei cobrou 40.416 e Adolfo Campos, de Dozón, 37.688.