David Fiuza: «Dende sempre fun seguidor da Banda de Santiago e dirixila é unha honra, é unha das prazas de referencia»

Rocío Perez Ramos
R. Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

13 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

David Fiuza Soto (Vila de Cruces, 1985) é xa o novo director da Banda de Música de Santiago despois de que este pasado luns se fixera público o seu nomeamento.

-Parabéns!. Xa o esperaba?

-Si porque realmente houbo como unha oposición que xa superei a principios de xullo e dende aí xa se sabía, o que pasa e que tardouse todos estes meses en realizarse o nomeamento oficial. Os trámites burocráticos levan o seu tempo.

-É director da Banda de Lugo, da Banda de Lalín e xa que Santiago sería a terceira, cómo vai facer?

-En Lugo pedín unha excedencia e teño a miña reserva de praza de funcionario e hoxe (por onte) é o meu último día en Lugo e mañá (por hoxe) empezo en Santiago. A excedencia pode durar todo o tempo que dure o contrato en Santiago. Legalmente é así porque o ser un contrato de alta dirección para outra administración pública non ten data de caducidade, é sempre que permaneza esta relación laboral con este administración.

-Seguirá ao fronte da Banda de Lalín?

-Si, si, de momento, mentres non xurda ningún tipo de incompatibilidades si estarei. Con bandas profesionais só se pode traballar con unha pero iso non é incompatible con traballar con unha amateur como é a de Lalín. En cando a practicidade, con unha como é a de Lalín e a Banda de Santiago se pode traballar nas dúas e conciliar sen problema. Podo seguir vivindo en Cruces e todo me queda moi preto.

-Os músicos da Banda de Santiago xa os coñece?

-Si, sempre fun seguidor da Banda de Santiago desde que estou metido no tema da música, tiven a oportunidade de dirixila como director convidado en catro ocasión e si, a coñezo ben,. Coñezo aos músicos, a formación, a súa idiosincrasia e ó público e todo entorno relacionado coa Banda.

-Supoño que será unha honra, Santiago é unha praza desexada.

-Sen ningunha dúbida é unha honra, é unha das prazas referencia e unha das poucas opcións que hai para un director de dirixir unha formación profesional en Galicia, ademais dun nivel moi alto e nunha cidade que ten un entorno cultural moi rico polo que todos sabemos e moita actividade cultural e moi dinámica. É un gran reto que me vai a esixir moito pero iso é fantástico para o desenvolvemento profesional.

-Parece que a pandemia xa recúa e as cousas serán diferentes.

-Si, aínda que os músicos seguimos sendo os últimos porque xa todo está moi relaxado en cando a medidas, pero os músicos seguimos tendo que estar no escenario cos mesmos protocolos de fai un ano, por exemplo. Si que pouquiño a pouco isto vai mellorando, pero nos sempre somos os máis esquecidos e segue habendo moita limitación

-Aínda así agárdase xa que as actividades podan ser outras?

-Si, si é certo. Ata agora era ensaiar e de que maneira. Mesmo en Lalín non había un espazo onde puidese estar toda a banda coas restricións e había que facer grupiños e ir traballando así. Era moi complicado.

-Cantos músicos ten a Banda Santiago?

-A plantilla ten sobre 35. Realizase un concerto diferente cada semana e hai unha actividade bastante intensa.

-Neste tempo xa ten pensado o que quere facer?

-Si, claro, aínda non é oficial pero presentaremos esta semana ou a principios da que ven xa a programación completa do trimestre e a presentación da tempada. Xa está todo programado de aquí a final de ano con todos os concertos e as obras que vamos a tocar, cal vai ser a temática e todo.

-En Lalín, xa está tamén adianta esa programación?

-Si, xa estamos pensando en Santa Icía que temos si todo vai ben, temos idea de facer o concerto o sábado 20 de novembro e coa mirada xa posta no de Fin de Ano. Temos tamén xa algúns proxectos que pronto sairán a luz de cara ao cocido e ao mes de abril. Temos algunha cousa interesante e revelaremos a información cando se concrete un pouco máis.