Lalín rende unha homenaxe o día 20 á Compaña da Garda Civil

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

E CUIÑA

En recoñecemento «ao seu traballo modélico en prol da seguridade»

12 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Lalín rende homenaxe o próximo día 20 á quinta Compaña da Garda Civil de Lalín en recoñecemento «ao seu traballo modélico en prol da seguridade da veciñanza» e en cumprimento do acordo plenario adoptado o 30 de abril a proposta da alcaldía.

Serán, apuntan desde o goberno local, uns actos sinxelos, que estarán conducidos pola concelleira delegada de Seguridade Cidadá, Eva Montoto, e que terán lugar a partir das 12.00 horas no salón de plenos do consistorio. O alcalde, José Crespo, entregará ao corpo un diploma conmemorativo e un obsequio distintivo tras a lectura do acordo plenario de abril adoptado pola corporación municipal. A continuación, darase paso ás intervencións institucionais.

Aos actos están invitados, ademais dos membros da corporación municipal, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o tenente xefe do Posto Principal de Lalín, Jorge Covas; o tenente xefe do Destacamento de Tráfico de Lalín, Fernando José Tato; o sarxento xefe do Equipo de Policía Xudicial da Compaña de Lalín, Iván Fernández; o cabo primeiro xefe da Patrulla do Servizo de Protección da Natureza de Lalín, Néstor López; o garda civil da Plana Maior da quinta Compaña de Lalín, Rubén González; os alcaldes da comarca; o xefe da Policía Local de Lalín e o responsable de Protección Civil, entre outros.

No acordo que foi referendado no pleno destácase o labor da quinta Compaña da Garda Civil en Lalín nunha homenaxe en recoñecemento ao traballo desenvolvido nos últimos anos coa participación en máis de 50 operacións contra grupos criminais en Lalín e no resto do territorio de Deza e Tabeirós-Terra de Montes nos últimos seis anos. A Compaña de Lalín abarca as unidades de seguridade cidadá, os postos principais de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Rodeiro, A Estrada, Forcarei e Cerdedo; así como a patrulla rural da Compaña; os especialistas do equipo territorial de Policía Xudicial, dous destacamentos do Seprona e dous de intervención de armas e explosivos, todos eles baixo o mando do capitán, Antonio Álvarez. Foron operacións, que destacan desde o Concello, traspasaron en moitos casos o ámbito comarcal, o galego e mesmo o nacional e nas que «os 111 efectivos da Compañía baixo as ordes do capitán acadaron o desmantelamento destas bandas coa detención dos presuntos autores dos delitos, entre eles, roubos con forza ou violencia e intimidación perpetrados en vivendas ou empresas da nosa comarca, furtos e tráfico de drogas, entre outros».

Unha traxectoria de traballo que, apuntan desde o goberno local, marcou un fito a creación en Lalín dun Posto Principal, que constituía unha vella demanda que se fixo realidade no 2014, tras anos de loita desde o Concello, a AED e o propio corpo da Garda Civil. Ese cambio, lembran desde o Concello, supuxo un aumento considerable da dotación na comarca «dobrando o número de efectivos de 16 a 32» posibilitando incrementar a atención cidadá, o número de patrullas e a vixilancia.

Sen actos do Pilar

Este ano, de novo, por mor da pandemia, a Garda Civil non celebran actos abertos á cidadanía. Nalgúns dos postos trasladouse aos membros de corpo a posibilidade de acudir se así o desexan a unha misa. No caso de Lalín, será a misa das 10.00 horas na igrexa parroquia das Dores. En Vila de Cruces, será á eucaristía das 13.00 horas no templo parroquial da localidade.