A demanda das PCR privadas caeu en picado nas comarcas

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

PACO RODRÍGUEZ

Na actualidade só se están demandando para a realización dalgúns voos

12 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Con todo o mundo practicamente vacinado, a demanda de PCR nas clínicas privadas de Lalín e A Estrada baixou en picado. En Clínica Deza, en Lalín, sinalan que aínda se están realizando pero basicamente para persoas que chegan á zona procedente dalgún país de fóra ou para a realización de viaxes e voos a países que aínda a esixen. Non é o caso de Europa onde se pode voar sen máis requisito que a presentación do certificado de vacinación, que xa posúe a inmensa maioría.

En canto aos prezos, estes mantéñense ou baixaron un pouco nalgún caso. Na Rosaleda de Lalín explican que só realizan PCR de urxencia, é dicir, a aquelas persoas que acoden ao centro con síntomas que poden facer sospeitar dun contaxio de covid-19.

Neste caso, a caída de contagios, co municipio e a zona practicamente sen casos, tradúcese na realización de apenas PCR. Na clínica lalinense explican que si continúan recibindo algunhas chamadas de persoas que queren facerse a proba, pero nun número moi inferior á demanda existente hai uns meses e a que se produciu ao longo de toda a pandemia.

A tolemia de peticións deu lugar agora á calma. Os prezos, din, baixaron aquí cinco euros. Unha redución que se aplica tanto ás PCR como aos test de antígenos, que custan 95 e 35 euros, respectivamente. Sinalan que se antes recibían numerosas chamadas de xente preguntando polas probas agora son moitísimos menos e, neses casos, derívanos a Santiago.

A venda dos test de antígenos nas farmacias e a existencia de moitas boticas da zona que expiden certificados aos que realizan esta proba no establecemento contribuíu tamén a unha menor demanda dos test de antígenos.

Na clínica San Paio da Estrada explica que non realizan PCR pero si levan a cabo test de antígenos a persoas que viaxan e para ofrecer un servizo que lles evite ter que desprazarse a outros lugares como Santiago. Unha proba que se esixía para entrar en países como Reino Unido, ademais de para moitos outros, especialmente aos non vacinados. Na clínica estradense foi habilitado por Saúde Pública para a realización dos test de antígenos covid-19 expedindo un certificado europeo oficial, válido para viaxar por países da UE.

Parón radical nas peticións de probas de saliva nas farmacias da zona

A mellora da situación sanitaria derivada da pandemia ten tamén os seus efectos nas farmacias onde se rexistra un parón case total da petición dos test de saliva promovidos polo colexio de farmacéuticos. Realízanse de forma gratuíta e constituíron unha importante arma de loita contra a propagación do virus e un servizo moi importante para a cidadanía.

A caída da demanda fixo que o colexio de farmacéuticos de Pontevedra reducise a dous días á semana, os luns e mércores, as datas de recollida das mostras nas boticas. A gran parte das da zona sóbranlles mesmo ese tempo. Nalgúns establecementos explican que levan unha semana, nalgúns casos, ou mesmo varias, noutros, sen peticións.

Despois do bum do verán, a demanda de test de antígenos, tamén se resistiu de xeito importante. En Silleda explican que «antes os pedía a chavalada para saír, pero agora que están xa vacinados xa nada».

Séguense demandando na zona, pero nunha porcentaxe infinitamente menor. Nunha farmacia de Lalín puñan como exemplo que se en setembro venderon 70, agora levaban 5 este mes. Nunha de Agolada contabilizaban desde agosto 400, que baixaron a 20 despois desa data. En Rodeiro explican que algúns se venden a xente de paso, mentres que na Estrada, do mesmo xeito que noutras boticas da zona, destacan que algunhas das peticións de test de antígenos son de veciños que teñen algún catarro, febre por algunha razón, algunha alerxia pero que queren descartar por seguridade que sexa covid. A estes súmanse persoas que compran un test antes dunha comida familiar con maiores, traballadores da hostalería que en Lalín xa os deixaron de demandar recentemente ou cursillistas que acudían a unha actividade a unha residencia de Lalín.

Os prezos de mercado para este tipo de probas baixaron, aínda que en moitas farmacias da zona xa foron moi axustados desde o primeiro momento. Hainos desde 4,5 euros o paquete individual nalgún establecemento da Estrada.

Colaboracións en Lalín e A Estrada para as probas a equipos deportivos

Os equipos deportivos son uns dos grandes demandantes de test de antígenos. Os kits das probas son facilitados aos clubs deportivos da zona pola propia Federación, previo pagamento. Con elas na man, os equipos realízanllas aos seus xogadores baixo supervisión sanitaria.

En Lalín, Clínica Deza colabora co fútbol e o balonmán como patrocinadores e parte dese patrocinio é a realización das probas, que eles achegan, de forma gratuíta, sen cobrarlles, neste caso, os servizos de Enfermería. As probas veñen facendo cada 15 días, de momento, aínda que en breve poderían xa non ser esixidas. Na Estrada, na Clínica San Paio algúns médicos son directivos dalgún club, co que se brindan a realizarlles xa esas probas aos deportistas de varias disciplinas.