Cuíña pide ao PP que se dedique un parque a Manolito Ledo

David Cofán Mazás
david cofán LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

Propuxo como opción o espazo da rúa Otero Pedrayo

05 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O coordinador de Compromiso por Lalín, Rafael Cuíña apuntou a necesidade de dedicarlle un parque a Manolito Ledo, traballador de parques e xardíns, falecido en xullo aos 49 anos. Explica que «é unha cuestión que está sendo reclamada pola cidadanía dende a súa morte», sinalou. Cuíña asegurou ter tratado este tema de xeito telefónico co alcalde e insistiu na necesidade de que a iniciativa xurda a partir dun «acordo plenario» xa que «este tipo de cousas deben facerse por consenso».

Considera que este proxecto «é máis popular que de ningún partido» e insta o Concello «de xeito construtivo» que non esqueza esta iniciativa. Así mesmo propuxo a Crespo a posibilidade de que o parque elixido fose o da rúa Otero Pedrayo, aínda que declarou estar «abertos a outras posibilidades» e reiterou que «non é unha crítica ao goberno de Lalín», se non «unha chamada de atención para que non se esqueza un tema do que a maioría da cidadanía está a favor».

O responsable de CxL mostrou a súa indignación en relación coa situación que atravesa a praza de abastos de Lalín. Considera que «o que está pasando é unha vinganza persoal do goberno de Lalín por todo o que pasou no anterior mandato». Sinalou que a praza debería ser «o centro neurálxico do comercio e da vida lalinense» e que nestes momentos está «morta pola inacción do goberno de Crespo», reiterando que «non hai ni unha soa iniciativa á de apoio» e que as medidas tomadas coas obras «perxudicaron seriamente a algúns negocios que terminaron por pechar».

Tamén evidenciou a súa preocupación polo aumento de persoas en situación de risco por mor da pobreza enerxética, lembrando o voto en contra do PP á moción para incrementar as partidas de servizos sociais. Cuíña dixo ter a sensación de que en Lalín hai dous modelos: «o modelo do PP, que se preocupa de facer festas e fume e o noso, onde a prioridade é cubrir as necesidades básicas dos veciños».

Doutra banda manifestou o «malestar existente» no Corpo de Policía Local, indicando que non hai servizo nocturno durante a semana porque «o goberno actual non paga as horas extras». Ademais, achacou ao goberno o «incumprimento masivo» das reunións entre os veciños do rural con alcaldía e criticou o atraso das obras do Golmar cun sobrecusto de 40.000 euros para os lalinenses