A praza de abastos de Lalín, preparada para realizar os traballos de illamento

La Voz

LALÍN

Rocío Ramos

24 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A concelleira de Comercio, Karen Fernández Lamela, visitou as obras da praza de Abastos, onde se acomete a mellora do illamento e da envolvente externa do edificio para aumentar a súa eficiencia enerxética e evitar as humidades. Un proxecto cun custo de 69.420 euros, que se executa baixo o amparo dunha subvención de Agader próxima ao 80 % do custo, na que o Concello achegará o 20 % restante.

Fernández comprobou o avance dos traballos para a construción duns aseos para persoas con mobilidade reducida. O Concello asegura que estes traballos están moi avanzados, quedando tan só a colocación dos elementos de cerámica, o chan e a grifería, estando o alicatado e a tabiquería xa colocados e instalados. Doutra banda, están a acometerse na cuberta uns traballos previos á retirada dos elementos de uralita, anteriores á colocación da nova envolvente.

Será nos próximos días cando se proceda a realizar a demolición do fibrocemento das cubertas perimetrais. Tras rematar estes traballos, colocaranse elementos de illamento como panel de la de roca directamente nos forxados ou no papel sándwich. Sobre el, colocarase un taboleiro hidrófugo. As canles de evacuación e o encontro co teito serán illados con membrana de poliuretano.