A designación de asesor de organización do goberno municipal de Lalín encalla

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

11 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A designación de asesor de organización do goberno municipal de Lalín parece ter encallado. Así se explica que non se coñezan novidades mes e medio despois de levarse ao pleno de marzo, e por urxencia, o expediente para modificar o persoal municipal coa supresión do posto de persoal eventual de asesor de alcaldía de Medio Rural e a creación do de asesor de organización.

Aquel pleno aprobaba o 26 de marzo o cambio, e o 31 de marzo publicábase no BOP o anuncio da aprobación provisional, con 15 días hábiles para presentar alegacións. Desde o goberno municipal aseguraron onte que non se rexistraron alegacións, polo que o cambio se considera definitivamente aprobado.

O descarte de Javier Blanco

Neste contexto, a realidade é que a día de hoxe segue traballando no Concello Pepe Iglesias nos seus labores habituais, aínda que o goberno local non quixo aclarar onte se ese traballo continuará moito tempo, limitándose a asegurar que mentres non se publique no BOP esa aprobación definitiva «o cambio de asesor está sen vixencia».

O traballo de Pepe Iglesias naquel pleno de marzo recibira eloxios desde filas da oposición, chegando a destacarse o talante e boa disposición de que fai gala o de Fontecabalos.

O nome de Javier Blanco Carballal soara con forza para ese posto cando se coñeceu o cambio nas asesorías do alcalde a finais de marzo. Pero mes e medio despois parece descartado da lista. Fuentes próximas á súa contorna ían onte nesa liña, ao indicar que está centrado no seu novo proxecto empresarial ?unha consultora aberta en Lalín?, menos vinculado á administración. Cabe lembrar que tras ter transcendido o seu nome, a oposición cargou con dureza contra a súa posible incorporación ao Concello, non no plano persoal senón por considerar que o PP premiaría con ese cargo o seu traballo como portavoz do partido durante o pasado mandato en que o PP estivo na oposición.