«Os roubos en pisos puido facelos unha banda que actuou no Carballiño tamén»

Olimpio Pelayo Arca Camba
ou. p. arca LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Jesús López Cuñarro, inspector-xefe da Policía Local de Lalín, observa nas últimas semanas certa relaxación nas medidas fronte ao covid por unha falsa sensación na xente de que a pandemia está superada

02 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Jesús López Cuñarro (Xaxán, 1959) cumprirá o vindeiro día 15 os 37 anos de servizo na Policía Local de Lalín, corpo no que exerce como inspector-xefe. Ten acadados os requisitos para xubilarse, e non é descartable unha vez se finalice o proceso para cubrir, por promoción interna, dúas prazas de oficial. Unha situación que clarexará quen poderá substituír a Cuñarro á fronte da Policía Local de Lalín.

-Puido xubilarse hai ano e medio, por que segue?

-Somos moi poucos, estaba pendiente de aumentar un pouco a plantilla e ir arreglando algunhas cuestións e medios. En setembro do 2019 aínda non tiña decidido irme, logo veu a pandemia e non era momento de marchar ante esa situación e cos poucos efectivos que tiñamos.

-Cantos policías están?

-Somos once, pero temos dous con baixas prolongadas de hai máis dun ano, así que para o servizo agora mesmo estamos nove. A lei que permite a xubilación aos 60 anos con 35 de servizo mermou dúas persoas; outros dous pediron traslados a Pontevedra e Vigo; e dúas baixas por falecemento. En pouco tempo deuse esa conxuntura, e ademais levamos varios anos sen cubrir ningunha praza.

-A repercusión no servizo é inevitable, e cubrir 24 horas os 7 días da semana será imposible?

-Menos mal que chegamos a un acordo co alcalde e fanse horas extras para duplicar servizos e imos cubrindo máis ou menos. Servizo permanente é imposible, por moitas horas extra que se fagan, pero entre 15 e 18 días ao mes temos servizo as 24 horas. Agora temos programado para coller catro auxiliares de policía, igual que o ano pasado. A solicitude é por seis meses, a partir de xuño.

-E cubrir prazas?

-O máis adiantado é o concurso-oposición para dúas prazas de oficial. Había tres oficiais, pero quedaron todas vacantes. A oferta xa se publicou no BOE e DOG, por promoción interna. Logo hai tres vacantes de policías, pendentes de convocar, e sumaranse outras dúas vacantes cando se resolvan as dúas prazas de oficiais.

-Cantas prazas debería ter a Policía Local por poboación?

-Serían 25 policías, un por cada 800 habitantes, pero esas ratios non as cumpre ninguén aínda que en Lalín estamos moi lonxe. En próximos anos a plantilla ten que incrementarse e renovarse bastante.

-Vostede non quixo marchar na pandemia. Como se comportou Lalín nesta situación?

-Penso que podemos falar de varios ciclos. Cumprimos bastante ben no confinamento. Logo a mascarilla costou bastante, pero co tempo a xente mentalizouse e en xeral concienciouse ?aínda que sempre hai algunha excepción?. Lalín non se portou mal, e a proba é que nunca estivemos extremadamente mal. Agora a tendencia non é boa. A xente cumpliu bastante ben, pero ultimamente nótase certo relaxamento porque lle daba a impresión de que esto xa estaba. Vían 10-12 casos, noutros lados ningún, falar de vacinas, e empezou ese relaxamento. A xente leva moito tempo contida, e hai días que son complicados,porque ten ganas de saír e divertirse.

-De cando esta tendencia?

-Nótase nas últimas semanas. Agora xa se ve máis xente fumando na rúa, pensan que fai falta pouca cousa. E non é así, seguen facendo falta as mesmas medidas de sempre. Esperemos que a xente volva concienciarse, e que aprendamos con desgracias como a desta semana que esto non está superado. Se queremos estar ben temos que seguir coidándonos para non volver a situacións pasadas.

-E como está a delincuencia na localidade?

-A pandemia trouxo unha redución nos delictos, e dende o seu inicio levabamos un tempo bastante bo. A delincuencia sempre esta aí, pero Lalín sempre está moi por debaixo da media estatal e mesmo da provincial. Tivemos esa vaga de catro roubos en pisos e na oficina dunha empresa, e esperemos que quede aí. Parecía un caso local, pero pode ser unha banda itinerante, porque nunha localidade próxima como O Carballiño nunha semana entraron en dez ou doce vivendas, co mesmo modus operandi que se rexistrou en Lalín. Fóra diso, Lalín é un pobo tranquilo, aínda que ao que lle toca ... e roubos volverá haber.

Un parque móbil anticuado que pode sumar dous novos vehículos a curto prazo

Se a situación en canto a medios humanos da Policía Local de Lalín é precaria, tampouco é mellor a que se refire ao material do que dispoñen para desenvolver o seu traballo. O parque móbil, conformado por unha moto e outros tres vehículos, está anticuado. O Nissan Patrol supera os 25 anos de antigüidade e conta cun Renault Scenic e un Citroën C4 que pasa dos 325.000 quilómetros no seu odómetro.

O xefe da Policía Local explica que, máis alá da kilometraxe na súa práctica totalidade en casco urbano co maior desgaste que iso comporta, ademais son motores con moitas horas de traballo: nas noites de garda con frío poden estar funcionando en parado para prender a calefacción.

Na última visita do vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, á capital dezá para facer entrega dunha bomba urbana lixeira a Emerxencias Lalín, prantexóuselle por parte do goberno local esta necesidade imperiosa de medios para a Policía Local. Está aberta a posibilidade dunha colaboración entre as dúas administracións, que permita dotar a curto prazo aos axentes de dous vehículos policiais. A fórmula que se estuda é un renting compartido, cunha porcentaxe cara 70-75 % por parte da Xunta e o resto aportado polas arcas municipais

A Policía Local está pendente tamén da renovación de equipos para as súas funcións. O obxectivo máis inmediato é a adquisición dun etilómetro de precisión, co que poder ampliar o desenvolvemento de probas de alcoholemia na localidade.