Silleda aumenta a 11 casos activos e Lalín baixa a 29

La Voz

LALÍN

29 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Silleda subiu onte seis casos activos, e acadou os 11. Pola súa banda, Lalín rebaixou un, e está con 29. O alcalde José Crespo mostrou preocupación polo rápido incremento en poucos días de 18 a 30 casos, aínda que desde Sanidade indicáronlle que son contornas familiares e non se trata dunha situación extraordinaria. Pero a incidencia acumulada vaise por amais de 124 casos por 100.000 habitantes, e achégase á barreira de 150 que pode marcar o paso a maiores restricións. Con esta situación, o pleno de mañá será de novo telemático.

Pola súa banda, Vila de Cruces quedou en cero activos, ao reducir os tres que quedaban. Sen casos seguen os demais municipios da zona.

Regreso en Aspadeza

Pola súa banda, en Aspadeza reincorpóranse o venres ás actividades no centro integrantes dun grupo burbulla formado por oito usuarios e catro profesionais en que se detectaron dous positivos. O primeiro foi o sábado 17, e nas PCR do día seguinte os demais membros deron negativo, aínda que todos quedaron confinados nas súas casas por indicación da central de seguimento de contactos. Esta semana, nunha nova PCR, saltou o segundo positivo, asintomático, que ao levar todo o tempo confinado non tivera contactos. O resto de usuarios e profesionais teñen xa a alta médica e reincorpóranse o venres a un centro que, grazas aos grupos burbulla que non comparten profesionais, espazos nin transporte seguiu operando con normalidade.

En centros educativos, hai un positivo no colexio Pérez Viondi da Estrada, tres no Golmar, un no Laxeiro e outro no Aller, todos eles de Lalín. E súmase outro caso no colexio María Inmaculada de Silleda.