As consultas pola vacinación colapsan as centrais dos centros de saúde

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Os usuarios chaman para cambiar datas ou ratificar as mensaxes do Sergas

23 abr 2021 . Actualizado ás 04:00 h.

As consultas e preguntas dos usuarios aos centros de saúde creceron de forma exponencial desde o inicio da pandemia pero agora, cos procesos de vacinas, os traballadores están desbordados e os teléfonos non pairan de soar. En Deza quéixanse de que os veciños chaman para preguntar de todo e moitas veces reclaman xestións alleas aos propios centros. Moitas desas preguntas e demandas teñen que ver coas vacinacións. Se en localidades como Lalín o centro de saúde conta con varios traballadores que atenden o teléfono noutros a tarefa recae nunha única persoa que non dá abasto.

En Silleda explican que «os teléfonos ferven. Non damos feito». Algo que subscriben noutros centros de saúde da zona. Suman ao labor diario de atender aos usuarios que piden citas, cambios de consultas e as chamadas a pacientes para citalos outras moitas que teñen que ver coas mensaxes que reciben os usuarios do Sergas. Moitas son de xente que recibiu a mensaxe para ir vacinarse e chama coa intención de que lle cambien o día ou a hora e non entenden que iso é algo que planifica e programa o Sergas directamente. Outros queren que lles ratifiquen no seu centro de saúde que a mensaxe está ben ou que din, «lin un mensaxe, pero xa non sei cando teño que ir» e chaman para preguntar cando é a cita. A estes engádense cuestións relacionadas coa Chave 365 de acceso á información de cada usuario do Servizo Galego de Saúde.

Mentres tanto, nos centros de saúde vaise recuperando a atención presencial. En Lalín existe a consulta presencial aínda que algún médico apunta que hai persoas que aínda son remisas a acudir ao centro médico. Explican que non se realizan moitas presenciais pero si todas as necesarias. Ás veces hai algunha consulta que mesmo se soluciona co envío dalgunha foto ao médico. A atención, aseguran, leva a cabo con todas as garantías de seguridade. Contan con test de antígenos e ante algunha patoloxía sospeitosa de ser covid realizan un test ao paciente e teñen os resultados en 10 minutos. En Lalín, por regra xeral, a petición de consultas tanto para enfermería como para consulta médica son dun día para outro. Igual ocorre en Vila de Cruces e Agolada. En Silleda, nalgún momento con algún médico puntualmente pode haber unha espera dun máximo de dous ou tres días e en Dozón os veciños son atendidos a demanda sen necesidade de cita previa. En Silleda aínda non hai consultas presenciais mentres que en Cruces levan semanas facéndoas.