Lalín loita por sumar poboación e manter folgada a categoría

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Inicia unha campaña de empadroamento que se desenvolverá durante todo o ano

17 abr 2021 . Actualizado ás 04:00 h.

Para Lalín manterse por amais dos 20.000 habitantes supón moito. Non é só seguir sendo un concello de primeira categoría senón todo o que iso implica. E iso son recursos, servizos e benestar. Con estas mensaxes como base, o Concello lanza unha campaña de empadroamento que se inicia agora e levará a cabo ao longo de todo o ano.

Onte foi presentada pola tenente alcalde, Paz Pérez Asorey, e a técnico do departamento de Estatística, Anxos Varela Brandido. O lema será «Ti contas, empradróate». Con ela quérese concienciar aos veciños da importancia de estar empadroado coa mensaxe de «faino por ti, faino por Lalín».

A cartelería xa está en marcha e divulgarase a través das redes sociais e a prensa escrita. Será, apunta Pérez Asorey, «unha cartelería invasora» protagonizada por un home adulto, unha muller nova e un neno. Con ela queren concienciar aos veciños da necesidade de empadroarse apuntando que «é unha liorta de responsabilidade» destacando «a parte importante de fondos que veñen do Estado mermarían moitísimo se perdemos a categoría». «O que non figura non existe», recalca «son beneficios para todos».

O obxectivo é saír das liñas vermellas e crecer de forma que se poidan manter a categoría dunha forma folgada, que os números se poidan ver incrementados de forma significativa a final de ano e «poder levar a estadística sen sobresaltos», apunta.

Aínda que non existe un cálculo de persoas que residen na localidade e non están empadroados ao Concello si lles consta que pode ser un número importante. A mensaxe vai dirixido especialmente a todos eles. Algúns detectáronse xa durante este último ano de pandemia. Son veciños que ao non estar empadroados non dispuñan dun xustificante para regresar a casa despois de traballar fóra ante, por exemplo, un control de mobilidade da Garda Civil.

Desde o Concello apúntase tamén que Lalín está a crecer atraendo a persoas de fóra pero tamén hai que loitar contra a perda de veciños cada ano que falecen e que son moitos menos dos que nacen. É unha carreira para a que se pide o empurre e a axuda de todos porque todos contamos.

O departamento de Estatística do Concello de Lalín traballa xa cos datos para o ano que vén nun proceso que se adianta no tempo. Para este ano, o INE deu a Lalín 20.207 habitantes o que supón, apunta Paz Pérez, «unha baixada mínima».

O Concello propón ao Instituto Nacional de Estatística para o 2022 un número de empadroados de 20.265 e o INE rebaixa a previsión en 10 persoas deixándoa en 20.197. Que o número dos dous organismos non coincida é algo habitual e que pasa sempre. Desde o INE advertiuse que non haberá cambios, ou polo menos é algo moi difícil, pero o Concello, indica a tenente alcalde, pelexará para que se poida corrixir aínda que sexa difícil e poder gañar a decena de veciños que se perdería. Para iso é necesario apunta Paz Pérez «facer unha labor de formiguiña» e ir documentando cada caso en concreto para facer fronte a esas discrepancias.

Ata xuño o Concello dispón de prazo para presentar as oportunas alegacións e non é ata decembro cando o INE comunica a cifra final. Paz Pérez subliñou o gran traballo desenvolvido por Hugo Facal e Anxos Varela Brandido no departamento de Estatística. Apuntou que este se reforzou xa cunha persoa en previsión para cubrir a baixa por maternidade de Anxos Varela, que está embarazada.

O Concello de Lalín xa prepara unha segunda fase da campaña que se iniciará no mes de xuño e que se envorcará nos beneficios que poderán gozar os empadroados. Tanto os que sigan séndoo como os que se censen agora. Paz Pérez exponse acadar «o obxectivo máximo». Destacou os resultados conseguidos en Lalín e Silleda onde se incidiu no empadroamento. Crecer en habitantes e manter a categoría é en Lalín obxectivo prioritario desde hai anos por parte dos diferentes gobernos. Para empadroarse só fai falta pasar polo Concello de Lalín.

Loitar contra un crecemento vexetativo negativo cada ano

O envellecemento da poboación pasa factura cada ano ao padrón. O crecemento vexetativo que marca a diferenza entre o número de nacementos e de defuncións é negativo en Lalín, como pasa practicamente na maioría das poboacións galegas e en gran parte das de España. Anxos cifra en 265 as persoas que faleceron ao longo do 2020, unha conta que tamén pesa á hora de manter cada ano a cifra do censo por amais dos 20.000 que marca a primeira categoría.

A natalidade foi o ano pasado máis baixa do habitual e en Lalín producíronse un total de 127 nacementos, o que guinda un crecemento vexetativo negativo. Son 138 veciños que houbo que restar xa só por esa causa. A diferenza de pasouno o ano pasado crese que este, o confinamento do 2020, poida traer un repunte de nacementos.