A espadana da igrexa de Goiás, en perigo por un niño de cegoñas

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

02 mares 2021 . Actualizado ás 21:12 h.

Nestes días xa as cegoñas cada vez máis abundantes na nosa comarca comezan a construción dos seus niños para a crianza. Unha parella, poida que imitando as de Castela, está a construír o seu no campanario da igrexa románica de Goiás (Lalín), que ofrece boas vistas sobre as terras nutricias da contorna. Ata as cegoñas que aquí chegaban, viñan facendo os seus niños nas copas dos carballos ou nos postes da luz e tamén gustaban das grandes chemineas dos pazos e casas señoriais.

Onte logo de achegarnos o pé da igrexa, ollamos con preocupación que a construción deste niño pode constituír un perigo para a integridade da espadana desta notable igrexa, xa que apoia nun dos pináculos que co seu notable peso, que pode chegar a superar os 500 quilos, pode ceder, caendo amais do tellado ou no chan. Coidamos que cumpría que algún experto fixera as comprobacións oportunas para previr estragos e se fora preciso buscar algunha alternativa axeitada e se procede, que o Concello, o Bispado e Patrimonio, por xunto ou por separado, actúen en consecuencia. Por se a alguén se lle ocorre ir ao atallo desfacendo o niño, non sobra dicir que esa acción, está penada pola Lei.

Como xa temos dito, a presenza de cegoñas en Deza vai en aumento ano tras ano. En Silleda, concentrase o maior numero de niños da comarca, con máis dunha ducia os mais deles no val do Toxa; en Rodeiro hai media ducia, no val de Camba e ribeiras do Arnego, e tamén teñen niños nas ribeiras do Ulla en terras de Agolada e Vila de Cruces. No municipio de Lalín, unha parella viña criando nun guindastre na Corredoira, cuxa retirada fixo que andaran deambulando na procura de outro acomodo próximo o paseo fluvial do Pontiñas e poida que sexa esta, a que agora aniña en Goiás. Preto de aquí, na parroquia da Veiga, temos ollado numerosos exemplares nas pradeiras das Lamas e agoiramos que en adiante, este lugar vai ser o asentamento dunha numerosa colonia destas aves que os paisanos polo de agora, aprezan e mesmo teñen en estima.