A redución de prazas preocupa a veciños da rúa Monte Faro

ou. p. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O investimento sobe de 252.031 a 353.977 euros, di o Concello

03 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Ampla asistencia de veciños da rúa Monte Faro á reunión na praza Europa para coñecer o proxecto municipal de reforma da rúa, de man dos seus redactores, do alcalde ?acudiu con muletas por unha rotura fibrilar? e dos concelleiros José Cuñarro e Nardo Seijas. Á conclusión, comentaban algúns veciños a súa preocupación por unhas obras que seguen a tendencia habitual, non só en Lalín: redución de prazas de aparcadoiro e rúas de sentido único, apuntando que quen chegan á capital dezana teñen cada vez menos espazo onde aparcar.

O goberno local sinala que a redución de aparcadoiros á metade foi o maior reparo posto polos veciños ao proxecto, fundamentalmente por parte dos residentes en edificios sen garaxe propio, que ven con preocupación a diminución de prazas na rúa. Tamén houbo algunha queixa por considerar que a única zona de carga e descarga no centro da rúa será insuficiente e afastada, e por reunirse unha vez o proxecto está xa redactado.

A reforma de Monte Faro forma parte das obras consensuadas o pasado mandato por cuadripartito e PP, xunto a Memorias e Maruja Gutiérrez. Pero o actual goberno destaca que os remodelou á alza: de 670.492 euros destinados entón a 953.928, porque se inclúe a renovación de acometidas de servizos que antes quedaban ao albur de melloras das empresas licitantes, asegura o actual executivo local.

En concreto, en Monte Faro sobe de 252.031 a 353.977 euros. Con ese orzamento disporanse nunha plataforma única unhas beirarrúas que gañan en anchura, en laxas de granito silvestre; zona de aparcadoiro na marxe esquerda de subida ?porque hai menos entradas de garaxes e pérdense menos prazas?; e calzada de tres metros en formigón, similar ao que existe en Calvo Garra. Haberá renovación de farois, en principio nunha única marxe da rúa con iluminación cara a ambos os lados, e de acometidas: rede de sumidoiros, abastecemento e conducións para telecomunicacións, electricidade e gas. Crespo insistiu en que se mellorou esa parte do proxecto, aínda que algunha réplica deixou claro que preocupa máis o resultado en superficie que o subterráneo.