Máis visitas nas residencias de maiores pero sen bicos nin abrazos

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

A apertura de moitos peches perimetrais incrementa a demanda de familiares

26 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Hoxe entra en vigor o decreto coas novas medidas da Xunta que supón a apertura dos peches perimetrais que impedían o movemento a moitos concellos. Unha mobilidade que se suma aos cambios no réxime de visitas das residencias de maiores. Nelas, cada maior pode recibir xa no canto dunha ata tres visitas semanais e de dúas persoas de referencia en lugar dun só familiar con tempo limitado. De cara ao fin de semana os centros da zona viron crecer a demanda de visitas, pero sen avalanchas. Fabián Calandria do Fogar Enxebre de Río, en Rodeiro, explica que «esta semana xa empezamos con visitas de xente do municipio» aínda que só teñen un residente de Rodeiro nestes momentos. Hai algunhas da zona de Santiago e o resto son de diferentes lugares da comarca dezana.

Para hoxe teñen a cota de visitas cuberto e serán todas pola mañá. A dinámica será a mesma que ata agora «co avó e o familiar sentados e separados por un biombo de policarbonato», indica. Na residencia de Vila de Cruces, a súa directora, Rocío Carbón, indica que «xa empezamos esta semana e de momento mantemos as mesmas medidas». Destaca que «as familias están a ser tremendamente respectuosas. Son de 10 e o que queren que prevaleza é a protección aos maiores». É algo que non corresponde ás residencias pero cre que «nalgún momento haberá que tomar a decisión de asumir a enfermidade». As visitas segue sendo moi limitantes e mantéñense todos os protocolos. Na residencia cruceña trasladaron ás familias os cambios e información sobre como se organiza todo e os protocolos.

O mesmo ocorre na residencia As Dores de Lalín. A súa directora, Lorena García Calvo, sinala que «as visitas seguimos facéndoas na capela, con biombos, máscara e vixiadas por persoal do centro». Porque o que se pretende é vixiar que ninguén se salte o protocolo. Sinala que «non sabemos aínda como é de eficaz a vacina e o que dura no tempo». A directora da residencia Domusvi de Lalín, Raquel López, comenta que esta fin de semana teñen xa establecidas visitas que seguirán realizándose con cita previa.

Os responsables dos centros da zona coinciden en que o que botan de menos os maiores é poder saír, recibir á familia, poder irse uns días a cada dos seus familiares e recobrar unha normalidade que aínda parece afastada. O que máis se estraña, contan, son os bicos e abrazos tras unha falta dun contacto físico moi necesario e que se prolonga xa demasiado. Lembran que para os maiores o tempo é moito máis valioso. A súa percepción é tamén diferente e nas residencias hai persoas que superan os cen anos.

Rocío Carbón, vogal da agrupación, facíase eco das demandas da Sociedade Galega de Xerontoloxía que insta a Xunta a levantar as restricións que se manteñen nas residencias tras a vacina alegando que os maiores son os que viron máis restrinxidos os seus dereitos este ano de pandemia.

Biombos, vixilancia e test de antígenos aos visitantes

Aos biombos e as máscaras súmanse outras medidas nas residencias da zona á hora das visitas. Na de Silleda, a súa directora, Paula Guzmán, apunta que «lles facemos un test de antíxenos aos familiares antes de entrar. Teñen que agardar un carto de hora e logo visto o resultado, entran». Moito dos seus residentes son da zona de Santiago e a costa de Pontevedra. Coincide cos seus compañeiros doutros centros que «os maiores están faltos de ese cariño que supón tocarse, é algo que se precisa moito». Nalgunha residencia mesmo se fan gravacións para asegurar que se cumpren os protocolos.

Os cambios de normativa permiten tamén a entrada na residencia de persoal externo. Nas Dores, apunta Lorena García, están a dinamizar todo o que poden dentro das súas posibilidades e os residentes sairán ao xardín, por plantas, en cando faga bo tempo. Retómase agora o programa Móveche e come san, a idade non importa, financiado pola obra social da Caixa que se suspendeu un tempo polas restricións. A nutricionista, Vanesa Taboada, irá os martes e a adestradora Vanesa Insaurralde os venres. A profesora de canto realiza diversas actividades, incorporouse a unha psicóloga e o centro programa novas actividades lúdicas adaptadas aos protocolos.

Un ano sen gripes e con menos enfermidades e procesos febrís

O uso das máscaras puxo freo a outras patoloxías habituais nas residencias. Nos centros os seus responsables constatan que non tiveron ningunha gripe, unha enfermidade que cada ano leva a moitos maiores, e tamén notaron un recorte considerable doutros patoloxías víricas cuxo contaxio freou o uso das máscaras e o mantemento das distancias, entre outras medidas.

Nos centros da zona creen que de todo o ocorrido no último ano débese aprender e extraer tamén algúns hábitos que resultaron ser beneficiosos para a saúde dos maiores. En Domusvi de Lalín, Raquel López, considera que igual hai que manter que as visitas sexan programadas. Nas residencias coinciden en destacar o apoio das familias, a súa comprensión e o seguimento dos protocolos mentres se seguen fomentando as videollamadas.