A Xunta aprobou axudas para case 400 hostaleiros da zona, inxectando 1,1 millóns de euros

La Voz

LALÍN

24 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A Xunta aprobou 643 axudas para preto de catrocentos hostaleiros das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao amparo do plan de rescate para autónomos, microempresas e hostalería. A contía recibida superou os 1,1 millóns de euros. Foron atendidas as solicitudes cursadas ante o Goberno galego por 391 titulares de establecementos da zona, que nalgúns casos xestionan máis dun local. A maioría corresponderon a Lalín, con 156, mentres foron 104 na Estrada, con 167 e 121 axudas outorgadas respectivamente.

En Lalín as compensacións económicas a aprobados supuxeron 499.000 euros, polos 293.000 no caso estradense. A continuación situouse Silleda con 72 beneficiarios pero 121 axudas e 199.775 euros repartidos, seguido de Cerdedo-Cotobade con 24 titulares e 36 axudas. En Vila de Cruces beneficiáronse 18 hostaleiros con 23 axudas, polas 9 e 12 respectivamente en Forcarei.

A piques de pecharse a primeira convocatoria deste plan de rescate, na provincia pontevedresa distribuíronse case 14 millóns de euros en máis de 7.600 axudas. A Xunta está agora planificando en colaboración co sector hostaleiro un segundo programa de apoio, cun importe conxunto en Galicia de polo menos 50 millóns de euros, a activar en febreiro, ante os efectos económicos que está a causar a terceira onda da pandemia.