Riádigos: «A situación é peor que en marzo, pero estamos moito máis preparados e con máis medios»

La Voz

LALÍN

Cedida

22 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

«A situación é peor que en marzo, pero estamos moito máis preparados, sabemos máis e temos máis medios», é a valoración da xefa de servizo do centro de saúde de Lalín, Carmen Riádigos, sobre o momento que vivimos en relación ao covid-19. Falou dunha situación preocupante, como o é no Clínico. Indicou que os profesionais de saúde empezan a estar cansos, porque ademais do coronavirus é preciso atender as patoloxías crónicas e agudas. E a falta de substitutos con compañeiros de baixa failles dobrar quendas.

Agradeceu o comportamento da poboación: «Algo faremos ben, porque non somos dos peores, pero nunca é suficiente», apelando a evitar mortes innecesarias seguindo fielmente as recomendacións sanitarias: «Que laven as mans, que non saquen as mascarillas, e que non fagan comidas familiares», limitando a mobilidade. Agradeceu a compresión dos pacientes se non poden responder as súas expectativas, «pero a situación é moi complicada».

Tamén Crespo fixo un chamamento a todos os veciños para sensibilizarse da gravidade da situación: «Sei que hai cocidos convocados nas casas o día 7: hai que anulalos todos». Non descartou tomar medidas ante a feira do día 3. Pola súa banda, Montoto lembrou que o Concello tramitará todas as sancións que impoñen Policía Local e Garda Civil a quen incumpran as normas.