Lalín acada os 44 casos activos, tras aumentar catro

La Voz

LALÍN

Javier Benito

21 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Lalín aumentou catro activos e situábase onte en 44, indicou o alcalde José Crespo, quen sinalou que é unha cifra moi preocupante nun dos tres únicos municipios galegos de primeira categoría ?con Marín e Cangas? que por agora elude as restricións máximas. O rexedor defendeu un plan de apoio á hostalería similar ao de Valencia, con achegas de Xunta ao 50 %, Deputación ao 30 % e Concello ao 20 %, lembrando que Lalín habilitará en pleno 250.000 euros para hostalería e outro tanto para comercio. Destacou a comisión do covid-19, con integrantes que traballan de forma altruísta e que sempre foi nas súas recomendacións «un pouco máis alá das restricións que manda a Xunta».

CxL pide claridade

Pola súa banda, CxL fíxose eco das queixas de veciños «que de novo din non entender os criterios do goberno de Lalín en relación ás medidas tomadas sobre o covid», como o retomar desinfeccións tras meses, ou por que con bo tempo os parques están abertos e péchanse cando vén unha semana de choiva, e ao tempo permítense aglomeracións nas feiras de 3 e 18. Creen que o lóxico é que a comisión estableza criterios claros en función da incidencia por número de habitantes para tomar medidas «e non facelo de xeito improvisado e con discutible rigor científico, a modo de ocorrencia para xustificar a súa existencia».

Consideran sorprendente que anunciada a cancelación de Entroidos en toda Galicia, en Lalín aínda se valore ter charangas e outros actos do Cocido, demandando que se explique aos veciños as consecuencias de facer comidas de máis de catro persoas nas súas casas. Explica tamén CxL cando se pide máis presenza de Policía Local que está en cadro, con momentos dun máximo de 5 persoas no persoal, con silencio do goberno.

Por outra banda, PSOE e BNG uníronse a CxL para reclamar á interventora un informe sobre a legalidade de cobrar o total das taxas a negocios afectados por restricións impostas pola Xunta.

O BNG pide vacinar a SAF e TES

Pola súa banda, o BNG de Lalín solicita ao goberno local que se dirixa á Xunta para solicitarlle que inclúan ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e aos Técnicos de Urxencias Sanitarias (TES) no servizo de ambulancias non urxente no grupo de persoal de primeira liña no ámbito sanitario e sociosanitario para programar a súa vacinación fronte ao covid-19.

Expresan que a aprobación do plan galego de vacinación de Sanidade espertou a preocupación de colectivos de profesionais deses ámbitos, ao ver que no anexo 2 do citado plan «non son considerados prioritarios a pesares de desenvolver labores esenciais e ter un alto nivel de risco tanto de contaxiarse ou de contaxiar». O portavoz do BNG, Francisco Vilariño, sinala que o persoal do SAF do municipio está en primeira liña de atención a dependentes, polo que é preciso que teñan medidas especiais de protección. Denuncia a inexistencia de protocolos de actuación unificados en casos de persoas infectadas ou sospeitas de covid, xa que cada empresa concesionaria e cada concello xestiónano segundo os seus criterios. Tamén apunta a exposición dos TES do servizo de ambulancias non urxentes, polo contacto cos enfermos que trasladan nun espazo reducido como son eses vehículos.

Rodeiro e Dozón continúan mantendo baixo control ao virus

Se a situación está disparada na práctica totalidade dos municipios da provincia nos concellos de Rodeiro e Dozón continúase mantendo baixo control ao virus. Tras o importante brote sufrido por Rodeiro antes das vacacións do Nadal a situación agora está normalizada. Onte rexistrábase unha alta, o que deixaba o número de casos activos nun menos, quedando en dous e sen que se producise, do mesmo xeito que ocorría nos últimos días, ningún novo contaxio. En Dozón tamén se mantiña nunha persoa positiva o número de casos activos rexistrados no municipio. A pesar de todo os responsables municipais piden aos veciños que non baixen a garda a fin de evitar que se produzan novos brotes.

Silleda suma 6 positivos máis pero coas altas só crece nun acadando os 73

En Silleda, o número de casos positivos continúa crecendo. Onte aos responsables municipais os datos que lles facían chegar apuntaban a un crecemento en seis novos positivos desde o día anterior. Un crecemento que non se deixou sentir demasiado na conta total. Desde o Concello entenden que se produciron algunhas altas polo que a cifra de casos activos era onte de 73, un máis que o día anterior.

A pesar de todo, a evolución e un crecemento constante continúa sendo motivo de fonda preocupación. Os responsables municipais apelan, unha vez máis, á responsabilidade individual solicitando aos veciños que cumpran estritamente as medidas e os protocolos ditados. Incídese especialmente na importancia de non relaxar o cumprimento das medidas no ámbito familiar que é onde se están producindo maioritariamente os contagios en practicamente a totalidade dos concellos da zona.

Ante o aumento de casos, o Concello de Silleda xa puxo en marcha a semana pasada medidas e restricións a maiores que incluíron a suspensión de todas as actividades.

O rexedor, Manuel Cuíña, agardaba que se habiliten axudas en condicións «acordes aos danos que están a sufrir» para a hostalería, o sector máis castigado e en Silleda pechado case de facto coas medidas ditadas.