En Lalín demandan non reunirse nas casas polo Cocido nin polo Entroido

La Voz

LALÍN

cedida

20 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A comisión municipal do covid-19 de Lalín reuniuse o luns, con 36 diagnosticados nos últimos 14 días, 40 activos e incidencia acumulada de 175 casos por 100.000 habitantes en 14 días. Os seus integrantes acordaron por unanimidade pechar os parques infantís desde onte, a proposta de representantes médicos polo aumento de incidencia en nenos. Unha medida que se tomou xa ao comezo da pandemia, e en momento de repunte de casos.

Ante a proximidade da data tradicional da Feira do Cocido, que este ano se apraza a maio, a comisión demanda aos veciños que non preparen celebracións en casa: «Realizar comidas con invitados nos domicilios sería unha grave irresponsabilidade neste momento complicado, xa que actuaría como foco de posibles contaxios. Idéntica advertencia fan vos expertos para vos días de Entroido», que este ano tampouco se poderá celebrar, evitando «vos xantares familiares típicos por esas datas».

Lembran que o máximo permitido en reunións son 4 persoas non convivientes, o máximo tamén en restaurantes por mesa. Instan a comportamentos acordes á normativa: «É un tema de responsabilidade persoal ao tempo que se remarca que na economía imos incluídos todos xa que somos unha cadea e que hai que loitar para non subir de incidencia ?por razóns de saúde? e tamén para que non nos pechen ?por cuestión de economía?».

A comisión decidiu realizar novas desinfeccións periódicas en rúas do centro urbano, que efectúa xa Protección Civil en centros educativos, praza de abastos, centro de saúde e farmacias. No Lalín Area séguense de forma rigorosa as normas, máis aló mesmo do que marcan. O horario de peche adiantouse ás 21.45 horas, deixando as salas de actividades 15 minutos antes, e con obrigación de reservar praza as clases, para un máximo de 4 persoas. O pase de charangas polas rúas en Entroido queda pendente de valoración nas xornadas previas.

A comisión valorou positivamente que Lalín salve de momento o peche perimetral ?sería a puntilla a un Mes do Cocido xa moi atípico?, pero apelan á máxima cautela porque calquera foco de contaxio pode disparar os casos, nun momento ademais de presión hospitalaria.

Cuíña pide estudar as feiras

Pola súa banda, o líder de CxL Rafael Cuíña mostrouse preocupado tras observar o comportamento de veciños na feira do pasado luns, nalgúns casos falando en grupos e coa máscara baixada. Cuíña pide ao goberno e á «comisión fracasada de seguimento do covid» que estuden seriamente se se pode celebrar a feira do próximo 3 de febreiro, ou ben por responsabilidade é preferible suspendela. Engadiu que se optan por esta última opción, o goberno local terá o respaldo de CxL, nunha situación complicada sanitariamente que esixe ás autoridades tomar medidas duras.