Lalín supedita reabrir parques e retomar actos culturais a que poida regresar a hostalería

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Javier Benito

Os test de antígenos só detectaron un caso nunha semana e a comisión do covid-19 insiste en evitar matanzas caseiras

01 dic 2020 . Actualizado ás 22:32 h.

O Concello de Lalín supedita suspender medidas como o peche dos parques infantís ou a supresión das actividades culturais á decisión da Xunta respecto ao regreso á actividade da hostalería. O comité clínico reuníase onte pero ao peche desta edición aínda se descoñecía se se reabren bares, cafeterías e restaurantes nos concellos onde baixaron os contactos, entre os que poderían estar tanto Lalín como A Estrada. A comisión municipal do covid-19 analizou na noite do luns a actual situación epidemiolóxica no municipio, onde seguen baixando os casos diagnosticados nos últimos catorce días, con 35 o luns e 32 onte, ademais de caer o índice de incidencia acumulada a 166. Outro dato alentador reside en que só se detectou nunha semana un positivo nos test de antígenos que se están levando a cabo no centro de saúde.

En espera de coñecerse a decisión do Goberno galego sobre as restricións específicas para Lalín e se cambiarán o día 4, a comisión municipal insistiu na implicación individual para manter esa redución de casos e dobregar a curva. En especial polo temor ao impacto das matanzas domiciliarias e as reunións de Nadal, cando despois estaría ao virar a esquina o Cocido. Reiteraron que se opte polo sacrificio dos porcos en matadoiros polo risco de contagios se se fan en casa, por recomendación dos expertos veterinarios, con dúas instalacións en Lalín e Vila de Cruces habilitadas para iso. E lembrouse que en caso de facelas nos domicilios, só participen persoas convivientes.

Na reunión da comisión desde a Garda Civil informouse de que hai controis diarios do peche perimetral, detectándose poucos casos de incumprimento da norma, cunha media dun cada dous días.

A Estrada conta con once casos activos, que caen nos colexios

Un caso detectado co test de antígenos elevou na tarde de onte a once os casos activos na Estrada, mentres son 22 os diagnosticados nos últimos catorce días. A incidencia nos centros educativos segue á baixa, co maior número en Silleda, onde onte se mantiñan en 22 casos, deles cinco nos seus dous colexios silledenses e o IES Colmeiro. En Lalín hai dous -CEIP de Vilatuxe e IES Laxeiro-, un no Villar Paramá de Vexa e outro no CEIP de Agolada.