O PSOE de Lalín insiste na necesidade de unión e apoio aos sectores máis afectados

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

26 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O portavoz do PSOE de Lalín, Roman Santalla, insistiu onte en Radio Lalín na necesidade de unión e o apoio aos sectores máis afectados pola crise derivada da pandemia. Fixo fincapé na situación de sectores como o comercio, a hostalería, o lecer e a cultura e fixo un chamamento «á unidade de acción de oposición e goberno na busca das mellores solucións». Cre que «se todos estamos de acordo en que hai que axudar hai que facelo con urxencia, é a nosa obriga poñernos de acordo tamén nas propostas e na rapidez da súa execución».

Piden a Crespo que convoque unha xunta de portavoces «para chegar ao pleno cunha postura conxunta para reactivar a economía e que ninguén quede atrás». Defende que a mensaxe da manifestación foi clara: «unidade e solucións». Reitera as peticións realizadas nunha moción conxunta presentada por CxL e PSOE e considera que «a resposta do alcalde non pode ser unha pataleta». Señala que están a manter reunións cos sectores afectados e «igual ca eles, pedimos axudas directas, un cheque de 40 ou 50 euros para todos os maiores de idade para gasto no comercio local e eliminación de taxas e impostos» indicando que volverán insistir no pleno de mañá «se é preciso cunha moción de urxencia».

Santalla asegura que non hai problemas de orzamento para axudalos e apelou «aos fondos extraordinarios de 285.000 euros do avance do orzamento da Deputación que se poden distribuír de forma inmediata entre os afectados». Inclúe nesa lista a hostalería, comercio, barberías, o lecer e a cultura.

Respecto da moción de xestión do covid presentada polos socialistas explicou que «a xente está farta de que non se informe con transparencia, de que non se fagan PCR ou de que os protocolos de detección e seguimento non funcionen e isto provoque que en todo o tempo que levamos de peche perimetral o escenario epidemiolóxico non mellorase».

Cre que «os únicos que lles está indo ben coa mala xestión da Xunta e do Concello é a sanidade privada» e «todos coñecemos centros en Lalín con grandes colas mentres a sanidade pública non está á altura».

Biogás

O portavoz socialista aproveitou tamén para falar da iniciativa plenaria para a obtención de biogás a través dos residuos da depuración. Apuntou que «queremos que Lalín sexa o exemplo desta xestión e que sexa pioneiro neste tipo de accións que van a estar firmemente apoiadas polos fondos europeos de recuperación».

Por outra banda, Santalla criticou a nova captación e insistiu na necesidade de arranxar os problemas existentes como a perda dese 30 % de auga e considera que se hai contaminación deberíase sanear o río Asneiro.