Lalín estuda regar as zonas verdes con auga de mananciais

a. ferreiroa / j. benito LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Crespo baralla a posibilidade de canalizar algunha procedente de baixos de comunidades

25 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O proxecto da nova captación de auga no río Deza de Lalín foi novamente defendido polo alcalde Crespo ao ser o máis viable segundo os técnicos de Galicia, «non que o diga o alcalde de Lalín», e acusou ao BNG

de «querer rebentar o plan para que teñamos auga de mala calidade». Un proxecto que foi denunciado no seu día polo BNG e levado recentemente pola portavoz nacionalista Ana Miranda á Comisión Europea; «sabendo que iso non lle vai valer para nada e eu como alcalde non vou perder un minuto en historias que o único que pretenden é ter un rédito político», manifestou onte en Radio Voz.

O alcalde anunciou a posta en marcha dun plan para regar as zonas verdes con auga de mananciais, en lugar de usar a que procede da traída municipal. «Sei dalgún baixo na rúa Areal onde hai dúas bombas funcionando día e noite os 365 días do ano, e se esa auga se pode canalizar daría para o rego de todo Lalín. Niso estamos traballando e imos facer uns alxibes para poder canalizar a auga dalgúns baixos de comunidades e facer o rego con ela» dixo. Un plan que permitiría por unha banda aforrar auga da traída, e por outra aproveitar moitos metros cúbicos de excedentes. Recoñeceu a existencia de perdas de auga, como denunciara o PSOE, pero «non máis que noutros concellos, e as perdas veñen motivadas porque os edificios municipais non pagan auga e consumen moita, pero é realmente perda? Non. Son cousas que son perfectamente falsas e non é así».

Insistiu o rexedor lalinense en que o problema de abastecemento de auga no municipio é unha realidade e que falla nos meses de xullo, agosto, setembro e mesmo no outono «e vou defender a miña postura que non é outra que a que ten Augas de Galicia, que son expertos, e que din que o sitio menos malo para bombear é o río Deza colléndoa antes de Vilatuxe xa que o Arnego trae recollida a depuración da zona de Rodeiro, zona agrogandeira moi importante, e cando chove moito vai parar ao río... Ten máis contaminación que o Deza». Crespo invitou unha vez máis á oposición a presentar unha alternativa viable; «o PSOE que diga onde a quitamos, que non me veñan con esas paxaradas de que hai que arranxar a rede, pero facelo nos meses de verán non chega».

Acordo dos alcaldes para mellorar a Mancomunidade

A Mancomunidade Terras do Deza mellorará os seus servizos. É o que se desprende dun encontro celebrado en Vila de Cruces, convocado polo presidente do ente e rexedor cruceño Luís Taboada, que confirmou o alcalde Crespo e ao que acudiron os seus homónimos de Agolada, Silleda e Rodeiro. Reunión que serviu para «falar de facer un orzamento pactado entre os cinco alcaldes, se o facemos por grupos políticos nunca funcionará ben e incluso pode que se acabe disolvendo». Unha Mancomunidade que conta cuns estatutos obsoletos, segundo recoñeceu Crespo, pero «os alcaldes temos claro o que queremos, e ampliar os servizos que dá a mancomunidade é unha das cuestións». A adquisición de nova maquinaria foi outro dos temas tratados no encontro, que recibiu o visto e prace dos participantes, «cunha boa disposición por parte dos cinco».

Unha mancomunidade que segundo a oposición comarcal ten escasa funcionalidade e mesmo os nacionalistas solicitaron esta mesma semana a dimisión do presidente e vicepresidente do ente; Luís Taboada e José Cuñarro respectivamente, e a elección dunha nova directiva, Crespo pediulles que «deixen de poñer atrancos en todo, e se logramos materializar os acordos mellorará o funcionamento da mancomunidade, e o resto son gañas de poñerlle paus na roda e cantos máis, mellor».

Cuíña mantén a moción de apoio ao sector do comercio e hostalería ao non suprimirse taxas

Crespo e representantes municipais mantiveron onte unha primeira reunión de traballo coa comisión do comercio, ademais de manter a segunda coa da hostalería. Encontros, dixo, para elaborar unhas bases para convocar plans de axudas a estes sectores que se abonarán no 2021, buscando simplificar os procesos. Polo momento non se cuantificaron os fondos propios que porá á súa disposición o Concello, «pero nós damos chegado a onde damos chegado», dixo o rexedor, insistindo en que «imos intentar estar á altura e poñer tanto como os que máis».

Pola súa banda, o coordinador de Compromiso por Lalín (CxL), Rafael Cuíña, anunciou onte que, tras falar con asistentes á reunión entre goberno e comercio, manterá a moción a debater en pleno con medidas económicas para favorecer a este sector e á hostalería. Lamentou que o PP «se peche en banda a eliminarlles as taxas, porque dá moito traballo ou porque hai que modificar o orzamento». Cre que o Concello está para axudar e non para agardar «ata que escampe». Resaltou que o PP en Pontevedra esixía eliminar taxas municipais ou o presidente Feijoo no Parlamento.

Cuíña tamén defendeu de novo os bonos para realizar compras no comercio, que o pide maioritariamente. Lembrou que a exención de taxas non tributa e si as axudas directas, «cuestión dá que non está a informar ou Concello». O coordinador de CxL introducirá unha adenda á súa moción tras conversar con representantes do sector da barbería que se quere meter co comercio, pero ten problemática propia como o alto IVE.