Detido un veciño de Lalín como presunto autor do atropelo mortal de Agolada

La Voz

LALÍN

Garda Civil

Atribúeselle un presunto delito de homicidio por imprudencia e omisión do deber de socorro

18 novs 2020 . Actualizado ás 18:46 h.

O equipo de atestados do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Lalín e o GIAT do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra detiveron esta mañá, ás 9.45 horas, a un veciño de Lalín de 49 anos, como presunto autor do atropelo ocorrido onte no quilómetro 147,5 da Nacional 640 sobre as 13.00 horas e no que resultou morto un veciño de Agolada, o ex concelleiro Alberto Vilariño Coego, de 44 anos. Ao detido atribúeselle un presunto delito de homicidio por imprudencia e omisión do deber de socorro. Atópase prestando declaración nas dependencias de Tráfico de Lalín e está previsto, finalmente, que pase mañá a disposición xudicial.

O detido é traballador da empresa lalinense Frigodeza. Por parte da firma infórmase que,  a vista das noticias que se foron coñecendo sobre o atropelo, onte pola noite contactaron coa Garda Civil de Tráfico para comunicar que un camión da súa flota chegase do servizo de repartición cun golpe na defensa. Explican que a versión ofrecida polo empregado que conducía o camión "non gardaba relación algunha co accidente de Agolada". Pero a medida que avanzou a tarde coñecíase a procura por parte da Garda Civil dun camión da marca DAF. Nese momento a xerencia de Frigodeza informou da situación e da coincidencia da marca do camión ao equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico e puxéronse á súa disposición para aclarar se o camión puidese ter estado implicado no atropelo mortal.

Desde a xerencia de Frigodeza reiteran a súa total colaboración coa Garda Civil de Tráfico para esclarecer o sucedido e expresaron o seu pesar polo falecemento do veciño de Agolada.

O corpo do ex edil falecido será velado no tanatorio de Agolada. Onte agardábase a súa chegada ás 13.45 pero pasadas as 18.000 horas, o corpo aínda non chegara.Ata alí se achegou ao longo da tarde un goteo constante de veciños e amigos para dar o pésame á familia. Nun primeiro momento o funeral fora fixado para as 12.00 horas de mañá xoves, pero finalmente foi aprazado ata as 17.00 horas na igrexa parroquial de Esperante.