Lalín baixa a 44 activos, Domus Vin Lalín redúceos a tres e A Estrada sobe ata 14

La Voz LALÍN, A Estrada / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

24 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Lalín viu reducidos onte os casos activos por coronavirus a 44, isto é, catro menos que na xornada anterior. Entre as boas noticias na capital dezana está outra traballadora da residencia Domus Vin da capital dezana que deu negativo na enfermidade tras ter sido positiva no seu día por covid-19. Desta forma, neste momento na residencia quedan tres casos activos: dous residentes e unha traballadora, tras un traballo de contención da transmisión da enfermidade no centro que onte eloxiaba o propio alcalde Crespo Iglesias .

Pola súa banda, na Estrada un positivo máis leva a cifra de activos a 14. Trátase dunha octoxenaria que é familiar dun traballador dunha empresa radicada na Bandeira (Silleda), coa que están vinculados xa cinco casos no municipio: o brote de Vexa ?un traballador nesa firma e dous familiares?, outro traballador, e agora a octoxenaria.

Restrición en Lalín e Silleda

Por outra banda, o comité clínico de expertos sanitarios da Xunta decidiu na súa reunión de onte manter as restricións nos municipios de Lalín e Silleda, acordadas en pasadas semanas ante o incremento de casos e transmisión comunitaria da enfermidade. Ambos os concellos quedan xa que logo coas restricións durante unha semana máis, cando se volverán revisar estas medidas, que onte se ampliaron a Vilagarcía de Arousa, así como algunhas zonas do Milladoiro (Ames) e extensión a máis rúas de Ourense.