Os institutos abriron de novo as súas portas nunha xornada sen incidencias

R. Ramos / R. García LALÍN / A Estrada/ LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

Os patios dotáronse de dispensadores de xel e, nalgún caso, de lavabos

24 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os institutos da zona viviron o día de onte sen incidencias. Foi a primeira de tres xornadas consecutivas de presentacións que irán levando aos estudantes de volta ás aulas. Nalgúns centros como no Colmeiro, foi chegar e incorporarse ás clases nunha xornada lectiva normal, mentres noutros os estudantes estiveron tan só a hora e media que durou a presentación. Uns e outros recibiron unha longa lista de instrucións e formación de prevención do covid-19. Coñecer e facerse coas rutinas establecidas en cada instituto require tempo.

Os centros botaron man de todas as portas dispoñibles para deseñar percorridos de entrada e saída. No Laxeiro de Lalín son catro e no Pintor Colmeiro de Silleda son seis. Os recreos crecen en número para evitar coincidencias e as cafeterías se reinventan. No Laxeiro de Lalín colocáronse dous lavabos no patio que se suman aos dispensadores de xel destinados unha desinfección ecolóxica de mans, con auga e xabón.

Para os estudantes de primeiro da ESO onte foi tamén o seu primeiro contacto co instituto. No Chano Piñeiro de Forcarei fixéronlles un percorrido para ensinarlles as instalacións. Foi un día con comedor incluído.

No Marco do Camballón de Vila de Cruces estrearon o comedor 41 rapaces de primeiro e segundo da ESO, distribuídos en dous espazos diferenciados. O menú que se serviu consistiu en potaxe de garavanzos con verduras e pasta de primeiro, tortilla de gambas e champiñóns de segundo e iogur natural de sobremesa.

No número 1 da Estrada arrincaron o curso con algún profesor de baixa e un de folga. Os protocolos son similares e repítense en todos os centros. No García Barros da Estrada os estudantes usaron a entrada un dispensador de xel. Estes están colocados na maioría dos centros en lugares estratéxicos. No Aller de Lalín, do mesmo xeito que ocorría, nos demais, os profesores, especialmente os titores, foron recibindo aos estudantes de cada grupo acompañándoos á súa aula correspondente.

Graner parte da dinámica da xornada consistiu en ir testando todas as medidas plasmadas no papel e deseñadas polos docentes. Foi tamén a primeira ocasión para ir comprobando o que funciona e o que non, e poder varialas e melloralas sobre a marcha a base de práctica na realización dos protocolos.

Tanto o profesorado como o alumnado estaba contento de regresar. Este curso, os docentes terán varias misións máis engadidas. Unha delas será controlar as capacidades de corredores e patios para evitar aglomeracións. Non achegarse ao compañeiro ou non tocarse é, ás veces, algo moi difícil de conseguir. A pesar de todo, onte, nos institutos destacábase o bo comportamento en xeral do alumnado que vai acostumándose ás novas rutinas.

Cafetería con pedidos telemáticos e entregas na aula no IES de Cruces

Evitar aglomeracións nas cafeterías é unha ardua misión nos centros que usan eses espazos como lugar de esparexemento e que, en moitos casos, eran un refuxio a cuberto no inverno onde os metros de patio escasean. Nas cafeterías rexe a normativa de capacidade da hostalería, pero quérese ir máis aló e evitar concentracións. Nalgúns institutos os alumnos entrarán «como nas tendas pequenas, dun en un» pero para evitar colas interminables estúdanse diversas fórmulas. No IES Marco do Camballón de Cruces, a cafetería puxo a disposición do alumnado unha plataforma. A través dela os estudantes fan os seus pedidos. Estes entréganse directamente na aula onde se distribúen evitando que os estudantes perdan tempo de recreo.