O BNG expón que o colexio lalinense pase a integrarse na rede de centros públicos

La Voz

LALÍN

E CUIÑA

11 ago 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O BNG de Lalín expuxo como solución á situación que atravesa o Sacro Corazón a súa integración na rede pública de centros educativos galegos. O concelleiro Francisco Vilariño, que compareceu con Manuel Carbón e Lupe Nóvoa, defendeu que desa forma ademais de garantirse un ensino de calidade e igualitaria tamén se remataría «ou malgasto de cartos públicos, atendendo as necesidades educativas de Lalín, e impedindo seguir facendo especulación cos cartos de todos».

Vilariño sinalou que a súa proposta de integración na rede pública é factible, apuntando unha votación por unanimidade nesa liña de centros concertados no Parlamento de Cataluña o pasado ano. Engade que no caso de Lalín, complementaría os outros dous centros, Manuel Rivero e Xesús Golmar, cunha media de 25 alumnos por unidade en cada caso, e que no Golmar chegan a 26 nalgúns niveis. O nacionalista apuntou o «papel lamentable» de quen impulsaron a construción de ambos os centros do centro urbano, un sen posibilidades de ser ampliado por estar nunha zona macizada, e o outro con «aulas cativas» que distan de ser o idóneo en tempos de pandemia, polo que será imposible desdobrar en ambos os colexios.

De aí a importancia, dixo, de que o Sacro Corazón pasase a ser un centro público máis, evitando a especulación que sería «a súa venda por catro cadelas e a desaparición de postos de traballo, para logo pagar todos vos despedimentos con cartos do Fogasa»

Apuntou que matrículas do Sacro Corazón trasladáronse sobre todo aos colexios de Golmar e Prado. Os outros centros rurais non as acollen por carencia de transporte escolar e prazas de comedor.

Doutra parte, Crespo convocou aos portavoces o xoves ás 12.