Liña de microcréditos en Lalín e nova licitación de postos na praza de abastos

La Voz

LALÍN

Cedida

31 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A concelleira de Comercio de Lalín, Karen Fernández Lamela, anunciou onte que a próxima semana se abordará coa oposición municipal as bases para os microcréditos a empresas, de ata 25.000 euros. Ademais, fixou para finais da próxima semana ou principios da seguinte a posta en marcha doutra iniciativa que se inclúe no plan Lalín por Vir, neste caso a plataforma de venda en liña. Considera que pode supor «un púo para ou comercio local xa que estas vendas aumentaron moito nestes tempos». Servirá de escaparate para os establecementos e tamén como canle de venda, apuntando que nesa idea tamén se está traballando noutros municipios como A Estrada e Silleda.

Outra das cuestións nas que traballa o goberno local pasa por aumentar o número de postos abertos na praza de abastos. Xa antes de comezar a pandemia aprobábase en xunta de goberno local sacar a licitación os sete postos pendentes, incidindo Fernández Lamela en que houbo consultas e interese por polo menos algúns deles. Dixo que este luns ou martes subirá á plataforma de contratos a licitación para que os interesados poidan cursar as súas solicitudes durante trinta días hábiles. Agarda achegarse ao 100 % cuberto.

Cartelería e vídeos para animar as compras locais

Outra iniciativa posta xa en marcha supón a distribución de medio milleiro de carteis para promover as compras no comercio e a hostalería lalinense. Sumaranse dous vídeos en redes sociais, a cargo de Emilio Fernández e con imaxes actualizadas. O primeiro versa sobre medidas seguras para comprar e o segundo xa máis centrado en animar ao consumo.