Na zona vendeuse un 96 % menos de turismos en abril que ese mes no 2019

j. b. / R. R. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

A caída foi drástica pola pandemia, ao baixar de 92 a só 4 vehículos, tras un forte descenso xa o pasado marzo

30 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O estado de alarma xa repercutiu de forma significativa o pasado marzo na matriculación de vehículos en Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Pero intensificouse en abril, cos concesionarios pechados na práctica. O volume de vendas reduciuse o 96 % respecto ao mesmo mes do 2019. Se entón houbo 92 turismos matriculados nas comarcas, nesta ocasión só foron catro, con tres en Deza -dous en Lalín e un en Silleda- xunto a outro na Estrada.

A mesma caída drástica de matriculacións produciuse con outro tipo de vehículos. Se en abril do 2019 comercializáronse dezasete camións e furgonetas, o mes pasado só foron dous, en Lalín. Non houbo ningún autobús novo circulando polas estradas, o mesmo que ocorría coas motocicletas, fronte ás catro de hai un ano. Si se matricularon dous tractores industriais, en Silleda e A Estrada, cando en abril do 2019 só foron dous en Tabeirós e Forcarei. Para rematar, o pasado abril matriculáronse tres remolques.

A reapertura hai uns días dos concesionarios empeza a mover algo o sector, con clientes en busca de ofertas que en moitos casos se producen para dar saída ao estocaje, aínda que pendentes dun posible PIVE.

Os veciños están á espera un novo plan PIVE ou axudas para comprar coche

Os concesionarios xa están abertos e implementaron medidas para garantir a seguridade dos clientes. A falta de mobilidade provocada polo estado de alarma fai que moitos clientes prefiran chamar antes que desprazarse. Cristián Cibeira, de Vealsi Deza en Lalín, explica que «si se ve interese pero é sobre todo por parte de empresas que chaman para preguntar. A xente chama máis que antes». Neste concesionario están recibindo os coches vendidos antes do covid-19 e que están a entregar. Os prezos, apunta, «non baixaron nin un euro» e cre que a maioría dos que queren comprar coche están a agardar a que as administracións poñan en marcha un novo plan PIVE ou algunha axuda, xa que o anterior finalizou xusto antes do estado de alarma.

Cibeira apunta que «presupostos levo facendo moitos e interese por mercar vese que hai». Demándase o mesmo tipo de turismo: coches pequenos de catro portas tipo sub e de gama media. Os extras que non faltan case nunca son climatización e pintura metalizada. Non se están probando coches pero xa era moi raro que se solicitase.

Esta semana empezaron a legar a este concesionario lalinense os coches pendentes de entrega e que suman unha boa cifra. Como servizo esencial non pecharon durante o estado de alarma, aínda que si se reduciu o persoal.

Manteñen o mesmo horario, neste caso de 9 a 13.00 horas e de 15.00 a 19.00 horas de luns a venres e os sábados pola mañá de 10.00 a 13.00 horas.

Ao taller co que contan o acceso xa está restrinxido para manter a seguridade e no concesionario non falta xel, máscaras e pantallas algunha pendente de colocarse estes días. Coa fase 1 retomouse a actividade de venda de vehículos que estivo parada.

A inmensa maioría das compras finánciase «case é un requisito dás marcas», apunta este vendedor que comenta que o que máis pregunta o cliente á hora de comprar un coche é por cuestións como a seguridade ou o espazo.