«Realizar un tutorial diario no confinamento foi unha terapia»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

A iniciativa, que manterá todo xuño, acadou algún día as 1.500 reproducións

30 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Dous meses de confinamento pola pandemia do coronavirus deron para moito, e para pór en marcha iniciativas encamiñadas a facer máis levadío o peche domiciliario. Con esa premisa naceron tutoriales elaborados desde distintos departamentos do Concello de Lalín; caso do de Cultura con manualidades para maiores e nenos dos que se encarga a monitora sociocultural Elena Abolo Rodríguez ofrecendo un tutorial diario.

-O obxectivo era manterse activa e seguir conectada co alumnado?

-Si. Desde o ano 1999 levo a cabo cursos de dinamización nas parroquias do municipio a asociacións veciñais e de Mulleres Rurais, que tramitan este tipo de solicitudes de cursos ao concello, e o certo é que nunca se nos deu un confinamento de dous meses polo que xurdiu esta idea para dar resposta ás alumnas e tamén hai que dicilo por unha cuestión de terapia propia necesaria. Estou acostumada estar en contacto con moita xente, ao estar tamén no Pazo de Liñares en atención ao público, e verse sen esas actividades provoca un bajón. Realizar un tutorial diario no confinamento foi unha terapia.

-Foi a que máis tutoriales colgou nos últimos meses.

-(Riso). E seguiremos ao longo de todo o mes de xuño... A intención é manter os tutoriales coma se fosen as clases normais que rematamos anualmente en xuño para descansar xullo e agosto e volver en setembro. Eses dous meses de verán non hai actividade de dinamización nas parroquias xa que as mulleres, o groso das asistentes, teñen normalmente moita tarefa nesa época.

-Un vídeo diario de luns a venres e os sábados uno para os máis pequenos.

-Para os nenos soamente fixen uns tres ou catro pero para adultos hai bastantes. Bo agora resúltame máis doado xa que os comezos foron un pouco máis complicados: buscar un enfoque adecuado, coller ben o formato, que se visen ben os materiais... Foi cuestión de ir probando ata dar co que nos pareceu máis adecuado.

-Falaba de materiais. Apelou a rebuscar todo o que se puidese ter por casa e que podería reutilizarse.

-(Riso). Claro. Estabamos en situación de confinamento e non se podía saír polo que había que recorrer ao que tivésemos ao alcance da man. Foi necesario tirar do que se podía atopar nos fogares, obxectos de reciclaxe, usamos peiraos das pinzas da roupa; que chamou moitísimo a atención, anillas das latas de refresco e a socorrida goma eva que se emprega tamén para moitas manualidades.

-É consciente de que algún dos seus tutoriales acadou as 1.500 reproducións?

-Non (risos). Iso dixéronme. Teño moitas alumnas dos cursos de dinamización que son fieis seguidoras dos tutoriales, así mo transmiten, e outras son persoas que se foron sumando, parece que lles gustaron e mantéñense. O que non pensei foi que habería tanta xente seguíndoos.

-Tivo que agudizar enxeño e imaxinación.

-Bastante. As manualidades requiren dunha gran dose de imaxinación, e ao non poder comprar materiais facíase todo máis difícil, pero conseguimos reutilizar aquilo que estaba inutilizado. Ademais teño varias amigas que son tamén profesoras de manualidades e fomos comentando algunhas opcións á hora de pensar en creacións, a iso hai que sumar as achegas dalgunhas alumnas que tamén as houbo.

Setembro. É cando se prevé retomar as actividades presenciais de dinamización nas asociacións que as soliciten previamente.

Web. Os tutoriales grávaos Elena na súa casa e posteriormente son colgados na web do Concello de Lalín.

«Tras tantos anos de cursos hai nenos que creceron e mulleres que envelleceron comigo»

As asociacións de Mulleres Rurais do Concello de Lalín gardan xa pouco segredos a estas alturas para Elena. Os máis de vinte anos que leva impartindo cursos de dinamización avalan ese coñecemento.

-Parece que foi onte cando iniciamos esta actividade pero o certo é que hai nenos que creceron comigo e mulleres que tamén envelleceron comigo. De feito parte dalgúns traballos realizados en cursos polas parroquias aproveiteinos para algún tutorial, outros eran novos.

-Que foi o que máis chamou a atención ata a data?

-Creo que a bixutería con peiraos de pinzas reciclados (riso), pero tamén os alfileteros en forma de chapeu... Este é sin duda un mundo infinito no que se pode facer case calquera cousa.

-Habitualmente no día a día, que piden as alumnas?

-Cando chego para impartir un curso o primeiro que pregunto é precisamente o que queren facer pero sen deixar de mirar a capacidade do alumnado e que os materiais a empregar sexan alcanzables para todos os petos. É moi importante valorar a capacidade creativa do grupo pero tamén a parte económica; que os materiais que vaiamos adquirir poidan estar ao alcance de todos. No mundo das manualidades, como en todo, saen moitas modas e algunhas son bastante caras. Procuramos sempre ir ao accesible.

-Manualidades en feminino?

-Moi maioritariamente. Temos moi poquitos mozos nos cursos, a pesar de que sempre insisto en que están abertos a todos, algún tiven pero a súa presenza é moi escasa.

-Que foi o que máis lle custou realizar?

-Unha pulseira con anillas. Algo moi doado pero que se me resistía a saír.