As residencias reorganizan quendas para reducir as saídas e entradas

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN /LA VOZ

LALÍN

Cedida

Os centros botan man á imaxinación para ampliar as medidas protectoras

01 abr 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Algunhas residencias da zona reorganizan quendas para reducir as entradas e saídas dos traballadores e incrementar a protección. A de Silleda decidiu pór en marcha quendas únicas de xornada no canto de dúas ao día e confinamentos de catorce horas. Catorce persoas traballando cada semana. Na de Cerdedo, os 26 traballadores do centro desempeñan o seu labor por rotación cada semana e con quendas de doce horas. Na lalinense de Domusvi tamén reorganizaron quendas. Na de Vila de Cruces e a das Dores de Lalín están valorando a posibilidade de cambiar a dinámica das quendas. Na de Lalín adoptáronse xa algunhas medidas para reducir entradas e saídas do persoa. No centro de día, agora baleiro, habilitouse unha zona de vestiario e desinfección. Esa entrada independente é a que está utilizando agora o persoal para desinfectarse antes de entrar e ao saúde da residencia.

No fogar comunitario de Río, en Rodeiro, prepararon unha zona independente tamén con bandexas no chan que serven para desinfectar o calzado á entrada e a saída e que se suman a unha longa lista de medidas de protección, desinfección e protocolos que levan a cabo en todos os centros. Na de Forcarei se readaptaron as quendas para evitar na medida do posible entradas e saídas.

Na da Estrada reforzouse o persoal aumentando o número de traballadores. En todos os centros de maiores da zona a resposta é unánime. Todos están envorcados en protexer o máis posible aos maiores. Non só con todas as medidas que se lles fan chegar desde diferentes organismos senón tamén con todo canto se lles ocorre.

A situación actual fixo tamén que se incremente o protocolo co envío de informes diarios ás administracións, especialmente a Sanidade. Pero nos centros son tamén conscientes da preocupación das familias. Crecen as videollamadas e en máis dunha residencia contan con grupos de WhatsApp a través das que ofrecen ás familias partes diarios da saúde de cada residente. En Cruces envíanos ás 10.00 e ás 22.00 horas cada día.

Televisores en préstamo para animar o confinamento

Os protocolos de prevención obrigan a que os residentes pasen gran parte da xornada recluídos nos seus cuartos. Inténtase animar con actividades individuais e alegrarlles o día con videollamadas á familia, en moitos casos. Nas Dores de Lalín están a recibir televisores en préstamo por parte de particulares, tendas de electrodomésticos e de bares que están pechados. Son cedidos para os cuartos de cada residente o tempo que dure esta situación.

Nas residencias non houbo marchas durante este tempo. Só o dunha persoa cunha demencia moi activa en Cruces cuxos familiares pediron levarlla e fixérono unha vez o centro obtivo a autorización da fiscalía. Nas Dores foise unha persoa válida por vontade propia que tiña a un familiar enfermo e unha familia consultouno.

Necesidades de material e doazóns

Os datos de onte reflectían que ls residencias da zona continuaban libres de positivos pero son conscientes de que a situación pode cambiar en calquera momento por moita precaución que se teña. Nalgúns centros botan en falta algún material para ir tendo en previsión e agradecen tamén as doazóns que están a ter.

A directora das Dores de Lalína apuntaba onte que «quen nos ía dicir hai tempo que nos ía facer tanta ilusión recibir máscaras». O mesmo ocure noutras. No fogar comunitario de Ponche, en Silleda, onte chamáronlles para recoller material no Clínico, pero necesitan máscaras de tea para evitar as de papel, que rompen moi facilmente e son dun só uso. Teñen 18 prazas de residentes e están ao completo. Á de Cerdedo viríalles moi ben, apunta a directora, «pantallas de protección e máscaras cirúrxicas». As solucións hiroalcohólicas tamén escasean. Contan con 14 usuarios.

A de Río necesitarían, din, algún EPI e máscaras FP2. Teñen uns traxes de protección pero son moi grandes. Son catro traballadores. Na de Cruces botan en falta máscaras FP2 e tampouco teñen pantallas. Enviaron un escrito ao Concello para que adquirisen material. Doáronlles máscaras de tea desde o Concello e algún material. A de Forcerei necesita de todo, din, sobre todo EPIS en previsión. Os centros están a recibir tamén material do Sergas e de doazóns. A Domusvi de Lalín, GSI entregoulle onte mergulladores, que se suman a máscaras reutilizables feitas por Cortinas López do Carballiño; pantallas protectoras enviadas pola librería Dalvi, Axuda3 España e Maker Lalín e as máscaras e lentes de protección fornecidas por Instalacións Industriais e Construcións Miguel.

No gasto de material diario inflúe tamén a situación dos residentes. Na de Cruces e nas Dores de Lalín contan cunha persoa en cada centro que regresou do hospital tras unha afección allea ao coronavirus e que está en asislamiento preventivo.