Lalín, Silleda, Rodeiro e Vila de Cruces intensifican os labores de desinfección

j. b. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

01 abr 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Os concellos dezáns están a intensificar segundo avanzan os días en estado de alarma os labores de limpeza e desinfección tanto de espazos públicos como de edificios. En Lalín onte comezaban eses labores no rural, en concreto na parroquia de Donramiro, onde xa se concluíron, ademais de actuarse en Botos, Vilatuxe, Lebozán e Barcia, para irse sumando o resto de núcleos de forma paulatina.

Ademais desas desinfeccións exteriores, continúase co lavado de colectores de residuos no rural. Lalín Sostible efectuou eses traballos onte en Castro, Goiás e Muimenta, quedando sen rematar en Moneixas ao estar moi cheos, retomándose en próximos días. No centro urbano proseguen as desinfeccións de rúas e dos lugares máis transitados, así como dos exteriores tanto das residencias como dos tanatorios.

No caso de Silleda, proseguen coa desinfección de colectores no rural, actuándose onte na zona sur do municipio, en Laro e parroquias da súa contorna. Vila de Cruces tamén está intensificando eses traballos ao achegalos ao rural, mentres que Agolada está nesa mesma liña e tanto en Dozón como en Rodeiro están a recibir apoio de persoal da brigada contra incendios. En Rodeiro ademais o Concello contratou unha empresa especializada, con persoal propio, para a desinfección do interior do centro de saúde que se une á limpeza exterior.