O BNG di que a ambulancia de apoio de Lalín non presta servizo desde o luns

ou. p. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

O 061 asegura que se mantén nas mesmas condicións desde o 1 de decembro

01 abr 2020 . Actualizado ás 18:34 h.

O BNG de Lalín denuncia que desde o luns «deixou de haber ambulancia de apoio para Deza», que lembran foi unha mellora da empresa, non unha proposta incluída no mapa galego de ambulancias. Francisco Vilariño subliñou que de forma sorprendente «retirar esta ambulancia a raíz dun conflito entre Xunta e empresa adxudicataria do servizo». O nacionalista sinala que este vehículo (cuxas carencias técnicas e mesmo falta de cualificación do anterior traballador adscrito xa denunciaron no seu día) dista de ser a ambulancia medicalizada pola que aposta o Bloque, «pero mentras a Xunta a denegue isto é menos que nada. Non queremos seguir perdendo máis medios para salvar vidas», xa que salienta que a comarca dispón só de dúas ambulancias de Soporte Vital Básico ?SVB?, un para Silleda e Cruces e a outra para Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón.

Expón que a Xunta quita así á zona «ou inimaxinable, máxime neste momento de vital importancia, na que este vehículo de transporte aínda que se medios materiais e humanos podería servir para trasladar posibles casos de COVID-19, e evitar que a única ambulancia de SVB non estea ocupada con tempos de limpeza e desinfección», porque a pesar da pandemia lembra que se manteñen outras doenzas que fan precisa ambulancia dispoñible.

Acusa a Xunta de abandono absoluto da zona, e de ocultar este parón no servizo da ambulancia de apoio que funciona desde finais do pasado ano. Vilariño apunta que debería priorizar a atención de pacientes, non a economía. Porque explica que a Xunta pagaba por saída: e no transporte dun paciente a Santiago, pagaba só a ida, polo que non facía o regreso co paciente, que en caso de ter que volver a Lalín facíao na ambulancia de SVB para aforrar esa viaxe da de apoio. En consecuencia, engadiu o nacionalista, para evitar ese gasto deixábase polo menos durante 90 minutos sen cubrir as urxencias na zona de Lalín. O BNG esixe a ambulancia medicalizada, e en todo caso a reposición polo menos do vehículo de apoio de inmediato. Presentarán iniciativas nas institucións axiña que estas retomen a actividade.

Sen variacións, di o 061

Pola súa banda, fronte ás manifestacións do BNG desde o 061 indicaron que a ambulancia de apoio de Lalín mantense con base no municipio «exactamente nas mesmas condicións coas que se iniciou a concesión deste servizo o pasado 1 de decembro».